Mondoñedo acollerá un curso de apicultura centrado na instalación de colmeas

Mondoñedo converterase a finais de setembro nun dos focos da formación apícola en Galicia coa celebración dun curso específico sobre a instalación de apiarios e as boas prácticas no manexo das colmeas. A iniciativa, que se desenvolverá no IES San Rosendo os días 22 e 23 de setembro, en horario de 9 a 14 horas, está enmarcada no programa que impulsa a área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa colaboración da Casa do Mel.
A formación, de 10 horas de duración, abordará cuestións clave á hora de situar un colmear, como a análise dos tipos de floración dispoñibles, a orientación máis axeitada, o acceso ás instalacións ou a preparación do terreo. Ademais, incidirá na importancia de aplicar boas prácticas que garantan tanto a saúde das abellas como a sustentabilidade da actividade apícola.
O deputado de Rural, Daniel García, destacou que “se trata dun curso gratuíto que dá continuidade ao programa formativo iniciado o ano pasado, pensado para apoiar ao sector cun coñecemento actualizado e con prácticas adaptadas aos desafíos que teñen que afrontar, como a loita contra a velutina”. García puxo en valor o papel das apicultoras e apicultores e insistiu na necesidade de “reforzar a profesionalización dun sector fundamental para o rural”.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través do correo electrónico casadomel@vodafone.es ou chamando ao teléfono 661 003 616.
O curso de Mondoñedo complétase cos que tamén se celebrarán en Pantón, dedicado ao aproveitamento dos produtos da colmea, e en Vilalba, centrado na nutrición e alimentación apícola. Estes, xunto aos xa desenvolvidos en Cervantes e Barreiros, conforman unha programación que busca dar resposta ás diferentes necesidades do sector en distintas comarcas lucenses.