Mondoñedo acollerá este sábado o segundo sorteo da campaña “De compras polo comercio da Mariña Lucense”

Este sábado, 8 de novembro, Mondoñedo converterase no epicentro do comercio comarcal coa celebración do segundo sorteo da campaña “De compras polo comercio da Mariña Lucense”, organizada pola Federación de Comerciantes da Mariña (FCAM). En xogo estarán 500 euros en vales de compra, repartidos en tres premios de 250, 150 e 100 euros.
A presidenta da FCAM, Carmen Cruzado Iglesias, explicou que “todas as persoas que fagan as súas compras entre o 3 e o 8 de novembro nos establecementos de Lourenzá e Mondoñedo poderán participar no sorteo”. Para iso, deberán achegarse á Praza do Concello mindoniense entre as 19:00 e as 20:00 horas, presentar os seus tíckets e recibir un boleto co que entrarán no sorteo, que se realizará a partir das oito da tarde.
Cruzado destacou que esta iniciativa “é unha aposta decidida polo pequeno comercio, ese que temos a carón das nosas casas”. Ademais, sinalou que a campaña pretende “promover a Mariña como destino comercial e turístico”, combinando promoción e actividade económica.
Nesta segunda xornada, a FCAM contará con catro convidados de excepción: Inés Butrón, escritora, profesora e divulgadora gastronómica; Fabián Pérez, xornalista e presentador de televisión en Mediaset; Leticia Sierra, escritora e xornalista autora de Lo que oculta la tierra (Planeta); e o piragüista Carlos Arévalo, medallista olímpico en Toquio 2020 e París 2024 e gañador de catro medallas en campionatos mundiais.
Segundo indicou a presidenta, “pola mañá visitaremos o comercio local e algúns dos enclaves turísticos de Lourenzá, e pola tarde desprazarémonos a Mondoñedo para celebrar o sorteo e gozar do seu casco histórico e da súa gastronomía”.
Desde a FCAM animan á veciñanza a participar e a achegarse este sábado á praza do Concello mindoniense: “Temos un gran comercio e unha hostalería de calidade que sempre sorprenden a quen nos visita. Queremos seguir facendo Mariña e sumar novas asociacións para organizar máis eventos que impulsen a economía da comarca”.
A campaña “De compras polo comercio da Mariña Lucense” está organizada pola FCAM e conta co apoio económico da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia.