Mondoñedo acolle unhas xornadas sobre as rutas xacobeas

AMariñaXa
A Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago organiza no municipio esta cita
xornadas-Camiño-Mondoñedo
Presentación da cita
29 Maio 2024

A Federación Galega de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago organiza en Mondoñedo desde este xoves ata o sábado unhas xornadas que versarán sobre distintos aspectos das rutas xacobeas, que contan co patrocinio da Xunta.

O programa de “Os Camiños de Santiago en Galicia, o seu coñecemento e divulgación” foi presentado na Delegación Territorial de Lugo polo delegado, Javier Arias; o presidente da entidade organizadora, José Luis Fernández Ansedes; Paloma Vázquez, xefa da Área Provincial de Turismo da Xunta, e Ángel Trabada, presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago lucense.

Arias destacou o importante papel que xogan as asociacións de amigos do Camiño “tanto na promoción das distintas rutas como na investigación e na posta en valor dos elementos culturais e históricos propios de cada unha”. Así, os asistentes a estas xornadas terán ocasión de participar o venres nun roteiro pola variante marítima do Camiño Norte con parada nalgúns dos principais bens patrimoniais e naturais da comarca, como a igrexa de San Salvador de Lourenzá, a praia das Catedrais, a Basílica de San Martiño ou a torre da fortaleza de Pardo de Cela en Alfoz. Tamén se sumará á proposta alumnado e profesorado do IES San Rosendo de Mondoñedo.

Previamente, o xoves pola tarde, proxectarase o documental Elías Valiñas, o inventor das frechas amarelas, que dará paso a un coloquio. E o sábado a Federación convocante celebrará unha asemblea aberta e unha reunión con representantes doutros colectivos e institucións xacobeas, para rematar cunha comida de confraternidade na área recreativa da Fervenza, xogos populares, música e outras actividades.

0.178062915802