Mondoñedo acolle o domingo unha obra en prol da igualdade de xénero
Once concellos galegos acollen ata o domingo actividades no marco do programa de dinamización lingüística FalaRedes e da campaña Nós contra a violencia. O domingo, Mondoñedo será o lugar onde teña lugar unha destas actividades que comezaron por Burela onde volverán a desenvolvela.
Lalín e Burela abriron a axenda semanal de actividades de Nós contra a violencia, cun pase matinal de O país dos mandóns e un obradoiro de Danza contemporánea pola igualdade, respectivamente, ambos os dous dirixidos a público escolar.
Xa no FalaRedes, centra as propostas destinadas ao lecer das familias en concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) a actividade Rosa caramelo e outras historias, a cargo da coñecida compañía Talía Teatro e inspirada nos contos da italiana Adela Turín, pioneira na investigación da literatura infantil e xuvenil desde a perspectiva de xénero. O domingo 27 en Mondoñedo, na Casa da Xuventude, ás 19.00 horas. A xira desta peza, que afonda nos roles e estereotipos para contribuír a desmontar prexuízos sobre aptitudes e actitudes de homes e mulleres, prosegue nas vindeiras semanas en Viana do Bolo, Negreira, Lalín, Trazo, Burela, O Porriño e Vilagarcía de Arousa.
Toda a información e calendarios completos dispoñibles no Portal da Lingua Galega http://www.lingua.gal e na Axenda de Cultura de Galicia.