Mondoñedo abre hoxe as súas San Lucas cun programa que mestura tradición, música e espectáculos ecuestres

AMariñaXa
A cidade episcopal inicia cinco días de festa e convivencia, con actividades que combinan o espírito histórico das feiras coas propostas máis actuais
Mondonedo-cartel-san-lucas-2025-XA
16 Oct 2025

Mondoñedo amence hoxe entre bombas de palenque e repenique de campás para dar comezo a unha nova edición das súas lendarias Feiras e Festas das San Lucas, unha das celebracións máis antigas de Galicia, documentada dende o ano 1156. Ata o vindeiro luns 20 de outubro, a cidade episcopal converterase nun punto de encontro entre tradición, música e espectáculos ecuestres, nun programa pensado para todos os públicos.

A xornada inaugural arrinca este mércores 16 de outubro co xantar-baile para a terceira idade no pavillón municipal e os xogos populares para a rapazada. Xa pola noite, o mindoniense Carlos Folgueira, continuador do legado do “Rei das Tartas”, será o encargado de ler o pregón, acompañado polo coro Mestre Pacheco e o grupo de gaitas Carricantos. A verbena da orquestra La Fórmula na Alameda poñerá o punto final ao primeiro día de celebracións.

O venres 17, Día das Vésperas, terá un acento cultural especial coa homenaxe ao artista Xosé Vizoso. As rúas de Mondoñedo exhibirán carteis da súa obra, e o día incluirá unha mesa redonda, a presentación dun libro e a inauguración dunha exposición dedicada ao creador. Pola tarde chegará un dos momentos máis esperados: a entrada dos cabalos na cidade, tradición que enche de vida as rúas cada outubro. O acto poderá seguirse en pantalla xigante na Praza da Catedral, con gradas habilitadas para o público. A verbena continuará coa música das orquestras Tekila e Waykas, mentres que na Praza do Seminario actuará Efecto Mariposa, que celebra o seu 25 aniversario acompañados por GrandeOsso.

O sábado 18, Día das San Lucas, manterá viva a esencia máis tradicional coa gran feira de gando cabalar, as ruadas de gaitas e a misa en honra ao patrón. Entregaranse tamén os premios do concurso de gando e celebrarase o IV Concurso de Andadura do Cabalo Marchador Galego. Xa pola noite, o domador internacional Miron Bococci protagonizará un espectáculo ecuestre na Praza da Catedral, cunha posta en escena que combinará luces, música e doma artística. A festa continuará coa verbena da orquestra Super Pop.

O domingo 19, Día do Medio, traerá o concurso morfolóxico de cabalos e eguas de Pura Raza Galega, coa gran final da Copa Galicia, ademais de exhibicións de doma, sesións vermú, concursos de andadura e un encontro folclórico con grupos de San Cibrao, O Valadouro e Ribadeo. O Mondoñedo FC xogará tamén un partido especial. Xa pola noite, Miron Bococci regresará á Praza da Catedral cun novo espectáculo de doma nocturna.

Finalmente, o luns 20, Día das Maulas, estará dedicado aos máis pequenos, con xogos, maxia e verbena na Alameda. Ademais, o tren sanluqueiro e os baños públicos repartidos pola cidade facilitarán os desprazamentos e a comodidade de veciñanza e visitantes.

As San Lucas de Mondoñedo, que unen historia, cultura e convivencia, seguen a ser un símbolo vivo do outono galego. A súa capacidade para reunir xeracións arredor da tradición cabalar e da festa popular fan delas unha cita imprescindible no calendario das celebracións de Galicia.

 

PROGRAMACIÓN COMPLETA

⚙ Configurar cookies
0.081985950469971