Modelo Burela celebra o IIº Día da Literatura Caboverdiana este martes coa participación activa de 150 persoas
A iniciativa educativa Modelo Burela, que se mantén en funcionamento continuado desde o ano 2003, pon de novo o foco de atención na inclusión social das diferentes comunidades migrantes e con esa finalidade organiza o IIº Día da Literatura Caboverdiana, que conta coa participación activa de 150 persoas.
O próximo 11 de xuño, no Instituto Perdouro, organizan unha lectura continuada da obra Siríaco e Mr. Charles, do autor caboverdiano Joaquim Arena, publicada en 2022 e gañadora do prestixioso Premio Oceanos en 2023. Ambientada na illa de Santiago, en Cabo Verde, os protagonistas son o mozo Charles Darwin e Siríaco, un vello negro, antigo escravo oriundo do Brasil, que sofre de vitilixe, unha doenza que provoca a perda da pigmentación da pel.
A inauguración do encontro está prevista para as 10.15 horas e abrirá as intervencións o estudante Isaac Sosa, orixinario de Cabo Verde e que chegou a Burela despois de pasar por Francia. Seguidamente tomarán a palabra a profesora Vanessa Vila-Verde, en representación da comisión organizadora; Carmela López Moreno, alcaldesa de Burela; e o escritor homenaxeado, Joaquim Arena, que participará por vídeo-conferencia desde Lisboa, onde acaba de participar na Feira do Libro da capital portuguesa.
O inicio das sesións de lectura está previsto para as 11.30 horas, xusto despois da foto de familia e tras Joaquim Arena, lerán a alcaldesa de Burela e esta dará paso á comunidade educativa do Instituto Perdouro. Entre as 13:00 e as 14:00 horas realizarán as súas lecturas o artista Nuno Pico, Grande Amore, Conchi Pernas Díaz e o persoal do servizo municipal de atención ás migracións ; e finaliza a sesión matutina o escritor Lionel Rexes.
Durante a hora e media reservada para o xantar de irmandade, a celebrar no propio instituto, proxectaranse as lecturas gravadas en vídeo por profesorado e alumnado dos institutos Gamallo Fierros de Ribadeo, Díaz Castro de Guitiriz, IES do Milladoiro e San Clemente de Santiago de Compostela.
O programa da tarde dará comezo ás15.30 horas e, xunto con representantes das asociacións culturais de Burela, participarán Alfredo Llano, Paula Jorge, Rocío Rivera, Luzia Oca, Ramón Reimunde, Elías Torres e Felisa R. Prado (decano e profesora de Literatura Caboverdiana da Faculdade de Filoloxía da Universidade de Santiago), a futbolista Daniela Domingues e diversos representantes de medios de comunicación, entre eles o Director da Rádio Comercial de Cabo Verde.
Para as 18.00 horas está prevista a sesión de clausura, para a que se conta coa participación de María José Pardiñas, directora do IES Perdouro; Edilson S. Tavares, filólogo especialista en Linguas Modernas; e Mario Pillado, tenente da Alcaldía e concelleiro responsabilizado das áreas de Xustiza Social, Xuventude e Inmigración e Cooperación.