Mocidade de Xove vive unha xornada de aventura e lecer en Oleiros e As Pontes

Na mañá do mércores 13 de agosto, un grupo de sesenta mozas e mozos de Xove, con idades comprendidas entre os 9 e os 16 anos, puxo rumbo a Oleiros para descubrir as propostas do Urban Planet, un parque de trampolíns que ofrece actividades para todos os gustos e niveis. A expedición contou coa compañía do persoal voluntario e das monitoras de Mañás Activas, ademais das dúas técnicas municipais de xuventude, que velaron polo bo desenvolvemento da xornada.
Durante toda a mañá, os participantes puideron saltar, practicar acrobacias e probar distintos retos que combinaban exercicio físico e diversión, nun ambiente seguro e supervisado. Moitos deles, segundo contaron, era a primeira vez que visitaban unhas instalacións deste tipo, polo que a experiencia resultou “emocionante e diferente”.
A xornada continuou pola tarde cunha parada no Lago das Pontes. Alí, ademais de xantar en grupo, tiveron ocasión de coñecer a historia deste espazo, formado sobre a antiga mina a ceo aberto, e descubrir como se converteu nun referente de lecer e natureza. O día pechouse cun baño na súa praia, aproveitando o bo tempo e o ambiente relaxado.
Esta viaxe enmárcase no programa “Verán Xove 2025”, unha iniciativa das Concellerías de Xuventude e Deporte xunto coa Oficina de Información Xuvenil, que busca ofrecer alternativas de ocio activo e educativo durante o verán, fomentando ao mesmo tempo a convivencia e a participación da mocidade no municipio.