Míriam Bermúdez deixa o BNG e a vida política en Viveiro

A etapa política de Míriam Bermúdez no Concello de Viveiro chega ao seu fin. A que ata agora exercía como portavoz municipal do Bloque Nacionalista Galego presentou a súa renuncia como concelleira, poñendo punto final á súa traxectoria institucional e á súa militancia no BNG. A decisión, segundo fontes da formación, está motivada por diferencias coa dirección comarcal e pola falta de resposta do BNG nacional para solucionar a situación.
A marcha de Bermúdez non se produce en solitario. Tamén abandonan a organización Bea Lage, ata o de agora responsable local do Bloque en Viveiro, e Iván Pena, encargado da área de comunicación. As dimisións confirman unha ruptura interna que a dirección nacional da formación non foi quen de reconducir.
Durante estes últimos anos, o traballo desenvolvido por Míriam Bermúdez estivo marcado, segundo lembran desde o BNG local, “polo esforzo, a dedicación e o compromiso co municipio”. Destacan que grazas ao seu labor a formación nacionalista logrou recuperar presenza institucional en Viveiro, pasando de non contar con representación a obter tres concelleiros nas últimas eleccións.
A renuncia da portavoz supón o peche dunha etapa que, subliñan desde o Bloque, “permitiu consolidar unha organización local máis forte e un concello con propostas máis dinámicas, actuais e pensadas para a veciñanza”. O BNG afronta agora unha reestruturación do seu equipo en Viveiro, no que o futuro inmediato queda aberto tras a saída dos tres referentes principais do grupo municipal.
