Míriam Bermúdez celebra a obtención da insignia da bandeira azul pola praia da Area
A Praia de Area, na parroquia viveirense de Faro, recibe un ano máis a insignia da bandeira azul e desde a Tenencia de Alcaldía de Viveiro celebran a obtención desta distinción, que certifica a calidade do areal.
Míriam Bermúdez asistiu xunto coa técnico municipal de Medio Ambiente a Doniños, Ferrol, ao acto de entrega destas insignias por parte da Xunta de Galicia e quixo destacar "a importancia de que a Praia de Area reciba esta certificación, que garante as estritas condición medioambientais e de instalacións que cumpre o areal".
A tamén concelleira de Medio Ambiente reafirmou o seu compromiso "coa calidade das praias de Viveiro e o traballo da área neste sentido, que agardamos que repercuta nun maior número de bandeiras azuis no futuro".
A tenenta de alcaldesa lembrou así mesmo que o pasado día 1 de xuño puxeron en marcha "novas medidas para protexer as dunas desta praia, cumprindo cos criterios requeridos para a bandeira azul e a Q de Calidade".
Entre as actuacións de protección está a retirada de tres duchas na duna, reubicando unha no paseo. “Para protexer a duna de Area, desde o Concello solicitamos ademais unha subvención para a retirada de especies invasoras e a súa substitución por especies autóctonas”, afirma Bermúdez.