Miñones insta á Xunta a dar unha resposta inmediata ante a falta de informes para os parques eólicos de Alcoa
José Miñones explica que o Goberno continúa á espera tras dúas reiteracións de solicitude –a última o pasado 14 de decembro- que aínda non obtiveron resposta.
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, traslada a preocupación do Goberno ante a falta de resposta da Xunta de Galicia con respecto aos informes necesarios para tramitar os parques eólicos que darían enerxía a Alcoa, unhas instalacións “vitais para a industria galega” e para poder reactivar a produción de aluminio primario prevista para 2024. O delegado insta á Xunta a “dar unha resposta inmediata”, lembra que o vindeiro 26 de xaneiro caducan os permisos de conexión e pide “responsabilidade” ao goberno galego, do que lamenta que trate de evadir as súas competencias “tras case dous anos de brazos cruzados”.
“Xa estamos no tempo de desconto”, apremia José Miñones, que lembra que o Goberno xa lle concedera dúas prórrogas previamente á Xunta e, a pesar diso, aínda non cumpriron coas súas obrigas. Os informes enviados polo goberno autonómico para estes parques non eran válidos, e o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) continúa á espera tras dúas reiteracións de solicitude –a última, o pasado 14 de decembro-.
“O Ministerio e os técnicos están completamente volcados con este tema, xa que somos moi conscientes da relevancia destes parques para Galicia, pero pedimos seriedade para obter unha resolución favorable cun traballo conxunto e lealdade institucional”, afirma. “De nada serve promulgar declaracións de excepcionalidade se despois non se fai o traballo”, remata.