Milleiros de voces novas alzáronse en Mondoñedo a prol da lingua galega

Mondoñedo converteuse este martes nun escenario de compromiso lingüístico e entusiasmo xuvenil coa celebración da festa do Correlingua, que contou coa participación de máis dun milleiro de alumnas e alumnos procedentes de distintos centros educativos da comarca da Mariña.
A xornada deu comezo cunha marcha polas rúas históricas da cidade baixo o lema “A mocidade activa por unha lingua viva”, e culminou cunha celebración festiva na Praza da Catedral, onde actuaron o coñecido artista Paco Nogueiras e a banda Mecánica Rolling Band, gañadora do certame musical Cantalingua.
A deputada de Cultura, Iria Castro, amosou o seu agradecemento pola implicación dos centros educativos e do profesorado, e destacou a importancia de "manter viva a defensa do galego entre as novas xeracións para frear a perda de falantes que se acentúa especialmente entre a mocidade".
Participou alumnado de centros como o CEIP Pedro Caselles Rollán de Xove, CEIP Península da Paz de Cervo, CEIP Juan Rey de Lourenzá, CEIP Álvaro Cunqueiro de Mondoñedo, CEIP Gregorio Sanz de Ribadeo, así como dos institutos de Foz, Perdouro e Monte Castelo de Burela, Vilar Ponte de Viveiro, Dionisio Gamallo e Porta da Auga de Ribadeo, Illa de Sarón de Xove e San Rosendo de Mondoñedo.
A actividade foi organizada pola Asociación Correlingua, integrada pola CIG, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e A Mesa pola Normalización Lingüística, e contou co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Esta é a segunda parada do Correlingua na provincia, despois da cita en Monforte. A seguinte terá lugar o 28 de maio en Lugo, pechando o ciclo festivo e reivindicativo do 2025 en defensa da lingua.