Milleiros de persoas maniféstanse en Viveiro polo futuro da sanidade pública na Mariña

Este domingo, 23 de marzo, miles de persoas saíron ás rúas de Viveiro para participar na manifestación convocada pola Plataforma na Defensa da Sanidade Pública da Mariña baixo o lema "Pola resurrección da nosa sanidade". O obxectivo da mobilización foi denunciar o “desmantelamento dos servizos, a falta de persoal” e a situación crítica que atravesa a atención sanitaria na comarca.
Este acto comezou no Centro de Saúde lendo o manifesto por parte do xornalista deportivo, Ovidio González, e a coordinadora da Plataforma Sanitaria, Montse Porteiro, e seguidamente unha masa de xente manifestouse tanto nas rúas de Viveiro como petando na Ponte da Misericordia.
"A xente está indignada polos servizos sanitarios mermados que hai na Mariña, no hospital, nos Centros de Saúde, nomeadamente en Viveiro, onde a maior parte dos días está o 40 % da dotación de medicina de familia e o 50% de pediatría", dixo Porteiro.
Así mesmo, berraronse consignas como "Rueda, escoita, a sanidade está en loita", "A atención primaria sempre é necesaria" e outras moitas máis consignas que lograron facer que a xente manifestara a súa indignación total.

GRUPOS POLÍTICOS
A secretaria de Organización do PSdeG, Lara Méndez, expresou a súa “profunda preocupación polo estado da sanidade”, sinalando que os centros de saúde e hospitais comarcais sofren un “grave déficit de persoal, servizos e atención”. Pola súa banda, o secretario de Sanidade do PSdeG, Julio Torrado, asegurou que a situación non se debe a un “erro puntual nin dunha mala xestión involuntaria”, senón a unha “decisión voluntaria” do Goberno do PP.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou a importancia da mobilización, indicando que “a protesta busca mellorar non só as condicións no hospital de Burela, senón tamén a atención primaria na comarca”.
Desde o PSdeG do Vicedo alertaron de que “a ausencia de médicos e pediatras está a obrigar a moitos veciños e veciñas a desprazarse a outras localidades para recibir atención sanitaria, coa consecuente perda de calidade asistencial”. Ademais, subliñaron que “o noso centro de saúde debería ser un espazo de atención e seguridade para a nosa xente, pero, en vez diso, converteuse nun símbolo do abandono da sanidade pública na comarca”.
O Grupo Socialista de Viveiro tamén participou na manifestación, denunciando que “a situación no centro de saúde cada vez é máis grave”, chegando en moitos momentos a funcionar co “70 % do equipo de persoal” e con importantes carencias no Hospital da Mariña.
Desde o SLG reclamaron “recuperar os estándares de calidade de atención sanitaria aos que si podiamos acceder fai apenas uns anos”, antes do “recrudecemento dos recortes e da pauperación dos centros de saúde públicos a favor dos privados”.
O BNG da Mariña insistiu en que levan anos reclamando “o incremento do orzamento sanitario público, recuperar os servizos privatizados e, o que é crucial e máis importante: recuperar a nosa Área Sanitaria que o PP eliminou”. Segundo explicou o responsable comarcal, Antonio Veiga, a supresión desta área derivou en “desprazamentos a Lugo que non só supoñen unha viaxe, senón tamén un retroceso de catro décadas na sanidade pública”.
Desde a CIG-Saúde, denunciaron que a situación da atención primaria é “insostible”, destacando a falta de médicos, pediatras, enfermeiras e traballadores sociais. Engadiron que os PACs “en moitas ocasións quedan sen persoal suficiente debido á necesidade de trasladarse para atender emerxencias”. Tamén puxeron o foco na “falta de logopedia, que está a afectar negativamente ao desenvolvemento de menores e adultos”.
A CIG denunciou que a falta de consultas como cirurxía vascular, electroencefalogramas ou densitometrías e a derivación de pacientes a hospitais privados en Lugo e A Coruña “son algúns dos exemplos do deterioro da sanidade pública”. Tamén advertiron de que servizos clave como Medicina Interna, Uroloxía e Cardioloxía están sufrindo graves problemas, provocando “listas de espera interminables e a suspensión de consultas”.
A manifestación converteuse nunha mostra masiva de descontento ante a situación da sanidade na Mariña, cunha mensaxe clara: “Non imos permitir que nos sigan recortando dereitos básicos!”.