Miles de visitantes consolidan a Festa da Troita como referente turístico e cultural da Mariña

A Pontenova viviu este 1 de maio unha xornada inesquecible coa celebración da súa XLV Festa da Troita, unha cita emblemática recoñecida como Festa de Interese Turístico Galego e distinguida en 2022 como Mellor Evento Deportivo de España. O deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, acompañado polo alcalde Darío Campos e membros da Corporación municipal, destacou o impacto económico da festa, que consegue cada ano colgar o cartel de “completo” nos establecementos hostaleiros da Mariña e de toda a provincia.
Durante dous días, a vila converteuse nun epicentro de actividade con exhibicións, homenaxes, competicións de pesca e actuacións musicais. O martes 30 de abril arrincou cunha impresionante demostración en directo do escultor Eugenio Linares, seguida dunha exposición de materiais de pesca na Casa da Cultura. Pola tarde, inaugurouse unha nova homenaxe no Paseo do Pescador, visitouse o Museo da Pesca e entregáronse as Troitas de Ouro, antes do pregón a cargo de Miguel Ángel Revilla e da apertura da caseta de degustación. A noite pechouse coa verbena das orquestras Gran Parada e Grupo Beatriz.

O 1 de maio comezou cedo coa concentración de pescadores e os concursos de lance, salmón e mosca. A exhibición de pesca a mosca contou coa presenza de campións mundiais como Pablo Castro, Said Yahiaoui e Fran Llamas, xunto coa destacada pescadora Raquel Cabeza. A sesión vermú, amenizada por Salsarena, deu paso pola tarde ao Campionato de Billarda e á entrega de trofeos.
A festa incluíu tamén emotivas homenaxes a pescadores e persoas vinculadas ao evento, así como o recoñecemento coas Troitas de Ouro a figuras e entidades destacadas do mundo da pesca e do audiovisual.
A Pontenova reafirma con esta edición a súa aposta por unha festa que enraíza tradición, deporte e cultura, atraendo cada ano milleiros de visitantes.