Mestras do proxecto Sinfónico no Rural: “Practican co instrumento e tamén adquiren outros valores"

AMariñaXa
O proxecto Sinfónico no rural é un programa de educación musicosocial. As clases conxugan a parte musical coa parte psicosocial.
sinfonico no rural  2
14 May 2023

Por Ana Somoza López.

Quen se atopa á fronte deste proxecto musical?

Sinfónico no Rural é un proxecto levado a cabo pola Fundación Xesús Bal y Gay que ten a súa sede en Nois (Foz). Está dirixido por Enrique Rodríguez Baixeras como presidente e por Alba Rodríguez Pérez como directora. O proxecto en si, no seu día a día, é levado a cabo por un equipo formado por Nuría Lestegás, profesora de violín e viola, Sabela Vázquez, profesora de chelo e Paloma Díaz encargada da parte psicosocial.

Que é a música para vós?

Sabela: Para min a música é unha vía para transitar e expresar as distintas emocións e sentimentos. Penso que ten un gran poder mobilizador, xa que nos axuda a enchernos de enerxía, a relaxarnos, a empoderarnos ou a recollernos e contactar co noso interior segundo o tipo de música que escoitemos ou toquemos. Por último, é unha maneira de desfrutar, de contactar coa vida e compartir momentos con outras persoas, feito que a convirte nunha gran ferramenta de unión social.
Nuria: Eu a entendo como un medio de comunicación, conexión e expresión coas demais persoas. Baixo a miña percepción, é a maior das artes e a que sempre me acompaña: unha arte sanadora.

En que consiste o programa Sinfónico no rural?

É un programa de educación musicosocial gratuíto e inclusivo, dirixido á infancia que, a través da música, pretende formar persoas, que de maneira activa e equilibrada, construían unha comunidade máis xusta e transformadora. Por iso, os nenos e nenas son os seus verdadeiros protagonistas, xa que eles serán os propios axentes activos neste cambio. E para conseguilo a propia comunidade e os seus axentes sociais deben integrarse no proxecto.

Como xurdiu a idea?

Enrique: Basámonos no Sistema Nacional de Orquestras e Coros Xuvenís e Infantís de Venezuela, xurdido na década dos 70 e que, de maneira pioneira, entenderon a música como transformadora social, cultural, educativa e intelectual. O empezar a darlle voltas a idea de facer algo semellante na contorna da Mariña, contactamos coa asociación Plataforma Redomi, que está a levar un proxecto baseado na mesma idea nos barrio de Lavapiés e na Cañada Real de Madrid. Eles axudáronnos a darlle forma e a arrancar nos nosos primeiros pasos.

Cal é o obxectivo do programa?

O principal obxectivo de Sinfónico no Rural é favorecer o benestar integral da persoa e construír unha comunidade máis equilibrada a través da música como elemento clave da intervención e da propia transformación social e cultural. Ademais de crear un espazo colectivo que sexa seguro e afectivo para os participantes e as súas familias.

En que instrumentos se inician aos cativos?

Empezamos cos instrumentos da orquestra de corda, é dicir, violín, viola e chelo.

Os pequenos aceptan de bo agrado estas leccións ou pola contra cústalles xa que prefiren outro tipo de música?

Si, porque aínda que os instrumentos son de formación clásica, contemplamos a práctica de calquera estilo musical, xa que consideramos que todos son enriquecedores. Por exemplo, o ano pasado adaptamos un rock´n´roll dun grupo galego e este ano estamos a preparar unha samba brasileira para o Entroido.

Dende que idades?

O proxecto está pensado para nenos e nenas a partir de 7 anos ata os 12, pero a idea é que vaian medrando coa propia orquestra.

En que concellos está presente?

Actualmente estamos traballando nos concellos de Barreiros e Alfoz, aínda que temos alumnos que veñen de outras localidades próximas.

Como se leva a cabo este programa?

O traballo en equipo é fundamental tanto a programación inicial como o seu desenvolvemento ó longo do curso decídese en equipo, conseguindo así uns maiores beneficios, xa que formamos un equipo multidisciplinar. Por outra banda, e igualmente importante, contamos coa colaboración dos concellos, especialmente coas súas áreas sociais, e tamén cos equipos pedagóxicos dos colexios, os cales nos axudan a poder chegar ás familias máis susceptibles de beneficiarse no noso proxecto, ademais de dardos apoio loxístico.

Como é o día a día ou unha clase?

As clases de Sinfónico no Rural conxugan a parte musical coa parte psicosocial. Así, os nenos e nenas dividen o seu tempo entre a práctica do instrumento, pero tamén adquiren outros valores como o desenvolvemento dunha conciencia crítica, inclusión á diversidade ou respecto á multiculturalidade a través de dinámicas e obradoiros lúdicos e significativos.

Como se poden inscribir os pequenos?

Unha das nosas principais características é a flexibilidade, por iso, as familias que desexen participar en Sinfónico no Rural poden inscribirse en calquera momento, aínda que o ideal é facelo o principio do curso.  Para inscribirse poden chamar ó 699 41 08 78 ou a través do correo paloma@festivalbalygay.com Tamén poden visitar ás nosas redes sociais, xa que estamos tanto no Facebook como en Instagram, ou na nosa paxina web www.festivalbalygay.com.

sinfonico no rural  1

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1950352191925