Merluza d& Burela presenta en Bruxelas o seu certificado Pescaenverde
Representantes da Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela OPP-7 participan esta semana en Bruxelas nas reunións do Consello Consultivo de Mercados da UE (MAC ou Maket Advisory Council), que son as primeiras que se celebran de forma presencial desde xaneiro de 2020.
Este martes tivo lugar a reunión do Grupo de Traballo 3, sobre control e información en cuestións sanitarias e normas para os consumidores, na que tomou protagonismo a frota de palangre de fondo de Burela, que hai uns meses se converteu na primeira frota de altura certificada por Pescaenverde polo seu baixo impacto ambiental.
Durante esta xornada, dentro do apartado de Regra de categoría da pegada ambiental do produto (PEFCR) para os produtos pesqueiros, e de todo o debate europeo polas declaracións obrigatorias ou voluntarias de sustentabilidade, presentouse a certificación Pescaenverde da Universidade de Santiago de Compostela, que garante unha baixa pegada carbono e alta taxa de retorno enerxético nas actividades produtivas pesqueiras.
Amaya Ordóñez, consultora da empresa Inxenia e auditora autorizada pola USC en canto á marca Pescaenverde, encargouse de presentar algúns aspectos sobre a certificación da principal frota e pesqueira do porto de Burela. O 100% da frota que pesca a pescada do pincho de Burela en augas europeas cumpre os cocientes impostos para a devandita certificación, cunha baixa pegada de carbono e unha alta taxa de retorno enerxético.
A Merluza D& Burela emprega desde o pasado mes de abril este distintivo no seu proceso de comercialización da pescada do pincho para certificala como unha pesca responsable con baixo impacto ambiental, uníndose así á pesca artesanal de Galicia para dar valor aos seus produtos, facendo ver aos compradores que son capturados cunha baixa pegada de carbono e de maneira energéticamente eficiente.
Precisamente este luns a Comisión Europea publicaba no Diario Oficial da UE (DOUE) a prohibición de pesca en determinadas zonas de augas profundas, unha medida que desde o sector táchase de inxusta e innecesaria e que, sen ningunha base científica, pon en perigo a frotas como a do porto de Burela, distinguida polo seu baixo impacto ambiental e por traballar mantendo unha baixa pegada de carbono e altas taxas de retorno enerxético.
O encontro do Consello Consultivo de Mercados péchase este martes en Bruxelas coa celebración da súa Asemblea Xeral. O MAC está composto por máis de 60 membros de 12 estados membros, que na xornada do luns reuniron aos Grupos de Traballo 1 e 2 para tratar diferentes temas relacionados co desenvolvemento dos mercados da Unión Europea para os produtos da pesca e acuicultura.