CAS Costa Lugo: Mergullarse para ver e protexer o que outros non poder ver

Por Ana Somoza.
Hai máis dunha década cun grupo de amantes do mar decidiu formalizar o seu vínculo co fondo mariño da costa lucense. No ano 2012 nacía o Centro de Actividades Subacuáticas Costa Lugo Buceo Viveiro —máis coñecido como Cas Costa Lugo—, unha entidade que, segundo explica o seu presidente, Julio Vázquez, xurdiu da vontade de “coñecer a nosa costa dende dentro”.
A idea, di, partía de algo moi sinxelo pero profundamente transformador: “Todos os que mergullamos somos un pouco aventureiros, e queriamos explorar a natureza que temos ao lado da casa”. Esa curiosidade converteuse, co tempo, nun compromiso profundo co medio mariño e cun xeito colectivo de vivilo: “Non é un deporte solitario. Existen normativas, como ir sempre en parella, levar bandeira de mergullo ou dispoñer dunha embarcación. É un traballo en equipo”.
UNHA COMUNIDADE ACTIVA. Hoxe o Cas Costa Lugo conta con arredor de 150 socios, todos eles practicantes de mergullo recreativo e non profesional. Aínda así, están federados, algo que, segundo conta Vázquez, “ten vantaxes que non che ofrece un seguro privado de responsabilidade civil”. A federación é tamén unha maneira de dar respaldo legal e organizativo á actividade que desenvolven, que foi evolucionando co paso dos anos. “En todo este tempo cambiaron moitas cousas”, recoñece.

“A lexislación actual é moito máis esixente en canto a medidas de seguridade. E tamén avanzamos noutros aspectos: agora mesmo hai normativas específicas que permiten que os nenos tamén poidan iniciarse no mergullo”. A democratización desta actividade chegou tamén á infancia, e iso, para o presidente do club, é unha excelente nova: “Cando un rapaz coñece o fondo mariño, queda marcado para sempre”.
SENSIBILIZAR. Un dos eixes da actividade do club é a organización de campañas de limpeza de fondos e praias. Levan anos realizando accións de retirada de lixo nas augas de Viveiro, Ribadeo e noutras zonas da costa lucense. “Facémolo polo menos unha vez ao ano, e imos variando o lugar segundo onde vexamos que podemos sensibilizar máis á xente”, explica Julio.
Para el, o valor principal destas intervencións non está só na cantidade de residuos retirados: “O máis importante non é encher sacos de plástico, senón o impacto que iso ten sobre quen o ve. Se a xente observa o que hai no fondo, toma conciencia. Se ven que hai dano, intentan protexelo”. O obxectivo é que a sociedade se implique. “A natureza é un espello”, reflexiona, “e aínda que o fondo do mar non se vexa, hai moita vida aí abaixo”. Por iso insiste na importancia de coñecela: “Cando amamos algo, protexémolo”.
“A limpeza non é coller plásticos, é sensibilizar.Se conseguimos sensibilizar só a unha persoa, o traballo xa paga a pena”
DE BOTELLAS A MÁSCARAS. As cousas que aparecen no fondo do mar son tan diversas como inesperadas. “Atopamos un pouco de todo: plásticos, cabos, móbiles, máscaras de COVID…”, relata. Pero hai achados que resultan especialmente impactantes. “O das máscaras foi moi chamativo. Primeiro porque nos fixo lembrar aquela época tan dura, pero tamén porque amosa o fráxil que é o noso mundo”, comenta. Noutros casos, o tempo sorprende: “Nunha ocasión atopamos unha botella de leite dos anos setenta ou oitenta”.
Os residuos tamén revelan os problemas estruturais do litoral. “As depuradoras e os aliviadoiros das zonas costeiras non sempre poden asumir o volume de auga en épocas de choiva intensa ou de moito turismo”, advirte. Esa incapacidade, afirma, fai que moitos refugallos rematen no mar. “É moi habitual atopar compresas baixo a auga, moito máis do que a xente pensa”.

O PODER DO EXEMPLO. Preguntado polo impacto real destas campañas, Julio non dubida: “Se conseguimos concienciar só a unha persoa, xa paga a pena”. O seu enfoque é claro: “Non facer nada non é unha opción. A unión fai a forza, e fronte a un problema grande necesitamos unha solución tamén grande, colectiva”.
O club tamén se involucra na divulgación. Están a desenvolver proxectos audiovisuais que permitan amosar o medio mariño a quen non pode mergullarse. “Hai persoas que, pola idade ou por cuestións de saúde, non poden mergullarse. Pero cando ven os vídeos ou as fotos que facemos, din que é unha maneira fantástica de achegarse a ese mundo”, conta.
COMEZAR SEN MEDO. Para quen pensa iniciarse no mergullo, Julio lanza unha mensaxe de tranquilidade e ánimo. “O importante é que lle guste a auga e a natureza. E despois, perder o medo”. Moitos mitos arredor do mergullo, di, son infundados: “Hai quen pensa que se estás no fondo non podes subir. Pero iso é falso. Simplemente hai que respectar a velocidade de ascenso, que non debe superar os nove metros por minuto, para non sufrir danos fisiolóxicos”. Tamén desbota o medo á claustrofobia: “Moita xente pensa que vai sentirse atrapada, pero a realidade é que a sensación que tes baixo a auga é de liberdade”.
COLABORACIÓN. Outro dos campos nos que o Cas Costa Lugo desenvolve actividade é o da colaboración co patrimonio arqueolóxico subacuático. “Temos contacto habitual con Miguel San Claudio, arqueólogo mariño, e con outros profesionais de Galicia”, conta Vázquez. Nunha das limpezas, por exemplo, atoparon unha belarmina, un tipo de xarra decorada cun rostro barbudo e un escudo, moi característica da época moderna. “O noso protocolo nestes casos é avisar. Damos as coordenadas, e os expertos encárganse de recollelo se o consideran necesario”, explica. Con todo, non todo o que se atopa se pode extraer. “Hai achados que se deixan non seu sitio porque a súa recuperación e conservación ten un custo moi elevado. Unha vez fóra da auga, calquera obxecto mariño deteriorase rapidamente e require un proceso moi específico para a súa conservación”.
MIRAR CARA AO FUTURO. O Cas Costa Lugo segue medrando e facendo comunidade arredor do mar. Os retos que teñen por diante inclúen ampliar as actividades de sensibilización, mellorar a formación interna e fomentar unha cultura de respecto ambiental entre as novas xeracións. Julio Vázquez ten claro que o camiño pasa por seguir mostrando o que hai baixo a superficie: “Cando coñeces o mar, xa non volves ser o mesmo. Por iso o noso traballo é mergullarse e contar o que hai”.
Neste 2025, cando se cumpren trece anos da fundación do club, o que comezou como unha aventura entre amigos consolídase como un proxecto comunitario con impacto real. Porque como di o seu presidente, “pechar os ollos á natureza só nos fai cegos”.