Melloran a eficiencia enerxética do CEIP Santa María do Valadouro
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP executou obras de mellora da eficiencia enerxética do CEIP Santa María do Valadouro, cun orzamento de adxudicación próximo aos 329.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou o centro educativo para comprobar o resultado dos traballos, que se realizaron tanto no exterior como nos espazos interiores do centro educativo. As obras incluíron a substitución das cubertas en mal estado nos soportais de acceso e no patio; así como na zona de despachos. As carpinterías exteriores cambiáronse por outras que proporcionan mellor illamento.
O proxecto tamén contemplou a substitución das luminarias por outras tipo LED de menor consumo con detectores de presenza nos corredores; a instalación de falsos teitos e o pintado das zonas afectadas polas obras. Arias destacou que estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que impulsa a Xunta para modernizar toda a rede de centros educativos públicos.