Melloran a Etap da Barranca barreirense instalando sistemas de monitorización
O Concello de Barreiros mellora a Etap da Barranca instalando sistemas de monitorización e control en tempo real.
As obras foron realizadas para a mellora da rede de abastecemento municipal de auga potable na Etap da Barranca por un importe de 13.588,98 euros.
A empresa que as executou foi Lincold Iberica, SL e as actuacións que se realizaron foron as de instalación do sistema de control e dosificación en contínuo, instalación do sistema de telemetría e de precloración.
A instalación destes sistemas complementan e melloran os existentes actualmente na Etap, ademais de permitir poder ver en tempo real o estado de diferentes parámetros mediante a implementación de telemetría e monitoraxe asociada.
Estas adecuacións permiten aos operarios do servizo de augas controlar en tempo real o estado de todos os depósitos. Isto, ademais da anticipación ás avarías, permite un enorme aforro de combustible e beneficio ambiental, a xeración dunha gran cantidade de datos para estudos de consumos e grazas a iso poder realizar predicións.
As obras están financiadas polo Goberno galego con 10.871,18 euros e o resto financiouse con fondos propios municipais. Estas obras están financiadas no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.