Mellor Local, Mellor Galego, é a nova campaña de apoio ao comercio do BNG mariñao

AMariñaXa
O BNG vén de presentar en Viveiro a campaña Mellor Local, Mellor Galego de apoio ao comercio de proximidade
mellor local mellor galego 1
7 Dec 2021

O BNG vén de presentar en Viveiro a campaña Mellor Local, Mellor Galego de apoio ao comercio de proximidade, unha campaña que se contextualiza tamén na situación que atravesa a comarca e na pandemia da Covid-19 que deixou ao descuberto “a importancia e a necesidade de apostarmos polo comercio local de proximidade nunha comarca donden temos unha terra e un mar únicos que producen alimentos de extraordinaria calidade” tal como afirmou a portavoz nacionalista en Viveiro Miriam Bermúdez no acto de presentación no que estivo acompañada polo deputado Daniel Castro e o responsable da organización na Mariña Antonio Veiga.

COMPRAR NA MARIÑA É FUTURO PARA A MARIÑA

Miriam Bermúdez incidíu  na situación que atravesa o sector do pequeno comercio debido tamén á pandemia Covid-19 que a agravou poñendo en perigo a viabilidade de moitos establecementos que xeran moitos postos de traballo en Viveiro e na Mariña,  “polo que o mellor apoio que podemos darlle agora ao sector é comprar no comercio local de Viveiro, no comercio de proximidade mariñao, porque eso é Futuro para A Mariña”, afirmou.

Desde o Bng comarcal Antonio Veiga informou que a campaña vai desenvolverse en todas as localidades da comarca con divulgación de folletos informativos entre a poboación e colocación de cartaces, elaboración de vídeos de apoio á campaña nas redes sociais  e xuntanzas e interlocución  co sector do comercio.

AXUDAS E LIÑAS DE CRÉDITO PRIORITARIAS PARA O COMERCIO DE PROXIMIDADE

O deputado Daniel Castro recordou que desde o Bng levan tempo alertando da imposición por parte do goberno do PP na Xunta dun modelo de consumo ao servizo das grandes áreas comerciais de capital foráneo que pón en perigo ao noso comercio local, polo que “apoiar o comercio de proximidade é unha das mellores maneiras de xerar riqueza en Galiza e na Mariña, para humanizar cidades e impedir a desertización das nosas vilas” afirmou. 

Anunciou tamén medidas e propostas do Bng ao respecto, coma a recuperación dos mercados municipais e as zonas comerciais tradicionais como alternativa ás grandes superficies comerciais de capital transnacional, a regulación dos horarios comerciais, o establecemento de liñas de crédito prioritarias para o comercio de proximidade, axudas para a mellora de establecementos que coomercialicen produtos autóctonos e promoción da produción alternativa e ecolóxica, entre outras.

mellor local mellor galego
0.10340785980225