Meira, Riotorto e A Pontenova acollerán un simulacro de incendio forestal

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe unha xuntanza de coordinación do operativo de loita contra os incendios forestais na provincia, previa ao simulacro que se realizará o día 4 de xuño nos municipios de Meira, Riotorto e A Pontenova.
Por parte da Xunta participaron na reunión o delegado territorial, Javier Arias, e representantes da Unidade de Policía Nacional Adscrita de Galicia (UPA), a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e o 061. Igualmente, asistiron representantes dos concellos de Meira, Riotorto e A Pontenova, do Consorcio de Bombeiros de Lugo, a Subdelegación do Goberno, a Garda Civil, as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, e Cruz Vermella.
Este encontro realízase na antesala da campaña de alto risco de incendios do verán para reforzar a resposta coordinada dos medios e os profesionais que actuarán ante unha emerxencia real nos montes da provincia.
O simulacro forma parte das accións de mantemento da operatividade do Plan especial de Protección Civil fronte a incendios forestais (Peifoga) e do Plan de defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga).