Meira celebra o III Polavila en honra a Avelino Díaz con música, tradición e gastronomía

TerraChaXa | AMariñaXa
Será o sábado 16 de novembro a partir das 19.00 horas
polavilademeira
10 Nov 2024

O próximo 16 de novembro, a vila de Meira acollerá o III Polavila, un evento que conmemora o 127 aniversario do nacemento do poeta Avelino Díaz. A celebración contará cun programa variado que combina música tradicional, actividades culturais e degustacións gastronómicas.

A xornada comezará ás 19:00 horas na praza Maior (paseo central) coa tradicional esfollada de millo, na que veciños e visitantes poderán participar nesta actividade popular galega. Ao mesmo tempo, haberá pasarrúas animados polos grupos musicais Asubíos da Chaira, Cospeito, Toxo Queimado, Baleira, Música e Baile Tradicional da Pastoriza, e Viñeiras de Ribadeo, que encherán as rúas de música tradicional galega.

Ás 21:00 horas, distintos bares da vila, como Agrotaberna I+D, Cafetería Xeira, Cafetería O Recuncho e Tapería O Arguiñano, ofrecerán tapas con castañas, para que o público poida degustar sabores típicos desta época.

Para pechar a celebración, a partir das 22:00 horas, o recoñecido artista Xisco Feijóo presentará o seu espectáculo Traede Ferrallada, un concerto que promete unha combinación de música e tradición cun toque contemporáneo, destacando o folclore galego.

Este evento, organizado pola Asociación Avelino Díaz coa colaboración do Concello de Meira e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, convértese nunha oportunidade única para honrar a memoria de Avelino Díaz, así como para celebrar a cultura galega a través das súas tradicións, música e gastronomía.

A asociación comezou con estas xornadas outonais en lembranza de Avelino hai tres anos, no 125 aniversario do seu nacemento, e desde aquela,  alternan a celebración entre Riotorto e Meira, os dous concellos en que viviu o poeta, recuperando as súas tradicións.

A deputada de Cultura Iria Castro valorou "o traballo que a Asociación Cultural Avelino Díaz desenvolve para recuperar e dar visibilidade á súa obra, con actividades diversas, que tratamos de acompañar ou apoiar, como a publicación do disco homenaxe Na lírica emoción da Quenlla, e destacou a importancia de celebracións como a do vindeiro sábado para popularizar a súa figura e reforzar o sentimento de comunidade arredor das tradicións e dos referentes culturais propios".

0.18763399124146