Medio Rural reúnese con comunidades de montes de Ribadeo

AMariñaXa
O director xeral de Defensa do Monte mantivo un encontro con representantes de tres Comunidades de montes veciñais en man común de Ribadeo.
reunion xunta comunidades montes en man comun ribadeo
29 Mar 2021

O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, mantivo un encontro esta fin de semana con representantes de tres Comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) de Ribadeo co obxectivo de reforzar a colaboración con estas entidades para avanzar na anticipación aos incendios forestais. En concreto, o director xeral reuniuse con membros das comunidades de montes de Ove, Piñeira e Vilela, todas situadas nesta localidade lucense.

Así, a xuntanza serviu para que Manuel Rodríguez resolvese as súas dúbidas e escoitase as súas demandas en materia de prevención e extinción de incendios forestais. Nesa liña, tratáronse cuestións como as distancias que deben respectarse á hora de levar a cabo plantacións forestais ou os labores relacionados coa creación e mellora de devasas e faixas auxiliares. Así mesmo, fíxose mención ás tarefas que teñen que ver coa mellora e mantemento de pistas no monte ou ás relativas á eliminación de residuos forestais.

A maiores, no encontro falouse do estado dos puntos de auga situados na contorna destas comunidades de montes de Ribadeo, así como dos traballos de roza mecanizada arrastrada, roza manual ou roza mecanizada de brazo que leva a cabo a Consellería do Medio Rural para anticiparse aos lumes, sempre de acordo coas obrigas establecidas na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Por último, o director xeral de Defensa do Monte referiuse ás queimas controladas que está a levar a cabo o Servizo de prevención e defensa contra os incendios forestais (Spdcif), sempre respectando os máis estritos criterios técnicos, co obxectivo de reducir a vexetación e a cantidade de combustible vexetal. Nesa dirección, lembrou que estas queimas son empregadas non só para reducir as cargas de combustible forestal de cara á prevención de incendios, senón tamén para protexer núcleos de poboación, para favorecer determinados hábitats e a biodiversidade asociada, para eliminar formacións arbustivas de maneira selectiva ou para controlar pragas que afectan ás distintas especies forestais.

0.16600203514099