Medio Rural promove a especialización e a innovación na produción da Faba de Lourenzá

A Consellería do Medio Rural impulsará esta fin de semana unha nova iniciativa para reforzar a calidade, a especialización e a innovación arredor da Faba de Lourenzá, un dos produtos máis emblemáticos da agricultura galega e amparado por unha Indicación Xeográfica Protexida (IXP).
As xornadas, que se celebrarán este venres e sábado no Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias de Ribadeo, incluirán mesas redondas, relatorios técnicos e un obradoiro de cociña centrado na elaboración de receitas creativas con faba de Lourenzá. O obxectivo é impulsar a profesionalización e diversificación do sector, reforzando a súa competitividade e presenza nos mercados.
Durante o encontro abordarase o papel dos modelos de diversificación agroalimentaria en Galicia, así como o valor engadido dos produtos con identidade local. Ademais, presentarase unha selección de casos de éxito e experiencias innovadoras na valorización e comercialización de produtos de calidade diferenciada.
As persoas interesadas poden inscribirse de forma gratuíta enviando un correo ao enderezo direccion.agacal@xunta.gal