Medio Rural activa axudas directas para paliar os danos na Faba de Lourenzá

AMariñaXa
As achegas, de ata 2.000 euros por hectárea, buscan compensar os efectos das chuvias e enfermidades fúngicas nas colleitas de 2024 e dinamizar a innovación na produción agraria
faba-lourenza-
25 Jun 2025

O sector da Faba de Lourenzá contará desde este venres cun novo apoio económico da Xunta de Galicia. A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), activará as bases reguladoras para unha liña de axudas directas dirixidas aos produtores desta Indicación Xeográfica Protexida (IXP), gravemente afectada polas condicións climáticas adversas e as enfermidades asociadas á humidade nas últimas campañas.

O director da Agacal, Martín Alemparte, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentou este xoves o programa no Centro de Formación e Experimentación Agraria Pedro Murias, en Ribadeo, epicentro da formación especializada na Mariña. Segundo indicou, as axudas permitirán compensar os sobrecustes derivados dos danos causados pola choiva persistente da primavera de 2024, que provocou problemas fúnxicos xeneralizados nas plantacións.

A contía fixada ascende a 2.000 euros por hectárea sementada, e os beneficiarios serán persoas físicas ou xurídicas cuxa explotación se atope dentro da área recoñecida pola IXP e figure no rexistro de plantacións. Para optar a esta compensación non será necesario presentar documentación complementaria, pois o procedemento será por adxudicación directa e para explotacións que teñan formalizada a declaración de sementeira de 2024.

Estas axudas intégranse nun paquete máis amplo de medidas de apoio á produción da Faba de Lourenzá. Alemparte sinalou que, alén da axuda económica, estanse a reforzar accións de formación, como as xornadas impartidas no propio Pedro Murias, e liñas de investigación en colaboración co CIAM (Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo) para estudar a eficacia dos tratamentos fitosanitarios actuais fronte aos fungos e buscar novas solucións adaptadas ao impacto do cambio climático.

O obxectivo xeral, segundo explicou, é fomentar prácticas agronómicas máis sostibles, como a rotación de cultivos ou o uso de sementes libres de virus, e tamén impulsar a transformación e comercialización da faba, así como incorporar novos produtores á IXP, fortalecendo así a estrutura produtiva e comercial do sector.

Dentro desta estratexia de innovación, o responsable da Axencia anunciou que no mes de setembro se activará o primeiro espazo de especialización e innovación agraria en Galicia, precisamente no Centro Pedro Murias. Este novo espazo inaugurará a súa actividade cun curso sobre a elaboración de hummus con Faba de Lourenzá, unha aposta pola diversificación de produtos con valor engadido.

Estes novos espazos, que se replicarán noutros centros de formación, terán como finalidade acompañar aos produtores nos procesos de transformación e comercialización, ofrecendo ferramentas para adaptarse aos novos retos e ampliar as oportunidades do sector primario galego.

⚙ Configurar cookies
0.18768906593323