Medio centenar de persoas participaron no I Foro de Liderado celebrado en Burela
Academia A Mariña fai unha valoración moi positiva do I Foro de Liderado, Motivación Persoal e Profesional que se celebrou nas súas instalacións en Burela, e ao que acudiron medio centenar de persoas. En Academia A Mariña xa están a pensar na segunda edición deste evento, que será en 2020, pero nos próximos meses organizará pílulas formativas específicas dirixidas ás empresas interesadas en contar con este tipo de experiencias.
Raquel Hermida, directora de formación de Academia A Mariña, sinala que “foi moi positivo, é máis algúns empresarios e algúns participantes ao finalizar pedíanme que fixésemos máis xornadas como esta para espertar as fortalezas que temos un pouco durmidas. Os relatores estiveron encantados, era a primeira vez que viñan á Mariña lucense e tamén me pediron que organicemos máis para poder volver e traballar con xente tan espontánea e tan positiva. Participaron 50 persoas, varios empresarios, directivos de equipo, tamén estudantes da ESO e de Bacharelato”.
Hermida comenta que “unha vez que acabaron os relatorios estivemos a interactuar cos profesores en temas como resaltar as fortalezas e o que nos fai falta no día a día, e tamén foi moi positivo. Despois cada participante estivo no seu taller facendo actividades e exercicios para poder fomentar todo isto”.
A directora de formación de Academia A Mariña engade que “estamos a pensar na segunda edición. Deixarémolo probablemente para o ano que vén, pero imos tentar facer unhas pílulas formativas cada mes ou cada dous meses para que as persoas que queiran participar poidan asistir. Serían actividades específicas sobre liderado, motivación persoal e xestión de equipos. Ademais os relatores pedíronnos que, como hai falta dese tipo de formación por aquí, tentar facer esas pílulas máis específicas para diferentes empresas”.