Medio Ambiente de Burela anuncia pinturas nas bocas dos sumidoiros nunha nova campaña de concienciación

AMariñaXa
Medio Ambiente de Burela anuncia pinturas nas bocas dos sumidoiros nunha nova campaña de concienciación para os veciños
Ocioteca veran lixo actividade mar 2
31 Out 2022

A Delegación de Medio Ambiente do Concello de Burela comezará esta semana a realizar pinturas nas bocas dalgúns dos sumidoiros co fin de concienciar á poboación sobre a contaminación e a mala xestión dos residuos, que afecta gravemente aos ecosistemas mariños.

Continuando co lema  de campañas anteriores, “O mar comeza aquí”, os artistas Marcos Pereira e Manuel Andrés Pallín, de Concepto Circo, serán os encargados de facer debuxos en 3D para alertar á poboación de que un xesto como tirar unha cabicha no sumidoiro ou o envoltorio dun caramelo pode ter consecuencias graves tanto para o medio ambiente como para a nosa saúde.

A concelleira de Medio Ambiente, Toñi Eijo, anunciou esta campaña como “unha iniciativa novidosa, que mestura a arte coa concienciación social, e que estou segura que terá un impacto na xente, evitando xestos que ás veces se fan de forma automática e que son moi prexudiciais”.

Na mesma liña se pronunciou o edil de Cultura, Jose Díaz, que quixo destacar que “a arte é a ferramenta perfecta para poñer o foco sobre problemáticas como a contaminación, pero tamén para continuar embelecendo as rúas de Burela con mensaxes que calan na sociedade”.

Referiron ambos o vínculo desta campaña con Amarte e coa cerámica da ponte de Eijo Garay, de forma que gañadores do concurso de pintura mural están a embelecer con sendos proxectos algunhas zonas de Burela: Martín Cal coa cerámica, e agora Marcos Pereira cos debuxos nos sumidoiros.

Ao longo desta semana, se as condicións climatolóxicas o permiten, iniciaranse as pinturas.

0.095452070236206