Mayra García reivindica na Comisión de Despoboación da FEMP “uns servizos públicos de calidade no rural"
A alcaldesa do Concello de Trabada, Mayra García Bermúdez, participou na Comisión de Despoboación e Reto Demográfico da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) que se celebrou en Albacete.
A rexedora volveu insistir neste encontro na necesidade de "seguir avanzando na elaboración do novo Estatuto dos Concellos Pequenos" e reivindicou, unha vez máis, "uns servizos públicos de calidade no rural, xunto a máis financiamento para os municipios con menos poboación".
Xunto aos alcaldes e alcaldesas que compoñen esta Comisión de Traballo, Mayra García Bermúdez abordou en Albacete cuestións de máximo interese para o Concello de Trabada, como a utilización de Fondos Europeos para impulsar proxectos que abran oportunidades no rural e favorezan o acceso a servizos básicos, con independencia de onde se resida.
A alcaldesa puxo en valor iniciativas do Goberno como os programas de axudas, tanto para administracións como para a veciñanza. Entre eles 'A Administración Cerca de Ti', que acolleu recentemente Trabada coa finalidade de avanzar na eliminación da fenda dixital no territorio.
Mayra García Bermúdez demanda unha maior implicación das comunidades autónomas en servizos indispensables para a supervivencia do rural. “Temos agora un goberno do Estado con sensibilidade cara o mundo rural, que desenvolve medidas necesarias para promover un reequilibrio da ocupación do territorio”, subliñou a rexedora.
A alcaldesa de Trabada recordou a importancia de avanzar na elaboración do novo Estatuto dos Concellos Pequenos, que permitirá contar cunha lexislación que flexibilice o cumprimento normativo aos concellos pequenos. O obxectivo é simplificar a tramitación administrativa e adaptarse á realidade das necesidades destes municipios, que moitas veces carecen dos recursos económicos e humanos precisos.
Tras participar este mércores na Comisión de Despoboación e Reto Demográfico, Mayra García Bermúdez acudirá hoxe e mañá ao IV Congreso Nacional de Despoblación y Reto Demográfico, que se celebra no Teatro Circo de Albacete baixo a organización da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Diputación de Albacete, en colaboración con Goberno de España.