Mayra García di que a visita de Rueda "é unha mostra de como actúa a Xunta do PP"
“A Xunta do PP: inacción, incompetencia e soberbia”, García Bermúdez explica que a visita do presidente da Xunta "é unha mostra máis de como actúa a Xunta do Partido Popular".
“Máis dun mes no que Rueda non se preocupou de vir á Mariña para ver como afectaba a crise ambiental ás nosas praias, no que non chamou aos alcaldes e alcaldesas, no que cargou aos concellos coa responsabilidade de limpar os plásticos sen aportar medios nin orzamento”, incidiu Mayra García Bermúdez.
“Un mes de total e absoluto abandono. E hoxe encontrámonos con que o señor Rueda vén á nosa comarca, reunirse cun Alcalde do PP para sacar unha foto de propaganda", indica a socialista ante a visita deste sábado.
“Os mariñáns e mariñás, e todos os galegos e galegas estamos perdendo oportunidades. Primeiro Feijóo e logo Rueda, os dous lastraron á Mariña nestes 15 anos. Pararon infraestruturas fundamentais, como é a VAC Costa Norte e desmantelaron a sanidade pública".
Mayra García Bermúdez subliñou que Galicia "necesita o liderado, as ideas e as respostas que ofrecemos os socialistas con José Ramón Gómez Besteiro. Non podemos perder máis tempo coa inercia de Rueda. Necesitamos o impulso de Besteiro”.
Pola súa parte, indica que "a Xunta deixou sen executar o 51% do fondo europeo para a Pesca (FEMP), perdendo unha importante oportunidade para a modernización do sector pesqueiro. Un exemplo claro da mala xestión do PP na Xunta nos últimos dez anos”, indicou García Bermúdez, poñendo outro exemplo da mala xestión do Goberno que encabeza Alfonso Rueda.