Maxia
Por Noelia Castro Yáñez
Hai moi pouquiñas cousas que me aterra perder. Fixándonos en xerundio que falo de cousas, e non de seres. Unha delas é a capacidade de sentir. A habilidade de emocionarme, a competencia de sorprenderme. A suficiencia de LATER, así con maiúsculas. A cabida de vibrar nun instante con algo que se lle escape á razón.
De mente científica como son, acostumo a outorgarlle ao pragmatismo vericidade de por sí. Pero como diría Ildefonso algunha mañanciña na que a noite se me escapou das mans “as cousas non che son así”, sentados a carón da cociña de leña da Taberna, eu sentíao como paternalista e condescendente. E o certo é que tivo que pasalo tempo para que eu lle dese a razón. Papá sempre foi o de:
-Non lle des mais voltas, agora xa foi, Marica non chores.
E no seu discurso nunca faltou un “Avante”, malia que eu soubese de certo que lle parecía unha idea aterradora aquela da que lle estaba a falar. El sempre confiou no meu instinto, na paixón que poño a cada cousa que fago. Sempre me quixo dar o pulo suficiente para que eu seguise a crer nos meus proxectos, sen eclipsalos. Traballando na sombra, como só saben facelo as boas persoas. Porque non se trata de estar á altura, trátase de elevar as cousas ao lugar no que merecen estar. Mesmo baixalas ata facelas desaparecer. Porque sendo realistas, a veces, aspiramos a imposibles.
Agora que lle puxemos a etiqueta de “normal” a eso de non saír da casa, non fago mais que sorprenderme coa capacidade que o noso subconsciente ten para converter en hábito cousas que fai uns meses nos eran descoñecidas. Ata fai ben pouco descoñecía que na miña casa se segue a merendar, como cando era unha pícara e Anisia me facía unha lameira de galletas ao son dun “ata que se aguante a culler de pé”, sempre fun de bo comer, si. Polos horarios priveime dese momento doce durante moito tempo, e se ben é certo que estou desexando esquecerme destas catro paredes durante algo mais que un par de horas, vou a intentar conciliar a práctica da cuarta comida na miña xornada.
En tempos monótonos, de normalidade repetida en bucle ata a saciedade o único que me queda é cazarlle algún instante ao día para poder escribilo no Diario de momentos felices. Leo e releo os que levo escritos ata o momento e doume de conta de que o único momento feliz asociado a algo material, foi sacar o meu primeiro coche en propiedade do concesionario. E sendo obxectiva no matiz, dista moito de ser feliz polo valor económico. O que lle confire o adxectivo coido que é ver materializado o froito do esforzo. Como di a canción, que ser valente non saia tan caro e que ser covarde tampouco valla a pena. Sine metu, sostén Alejandra Remón (sen medo), nos seus asuntos pendentes. E un pouquiño tamén os meus. Porque me aferro á idea de querer sorprenderme, de volver á casa queixándome do moito que me lastimaron os zapatos novos. De redescubrirme a min mesma contándolle a miña historia a alguén. De non poñerlle nomes ás cousas porque por unha vez quero centrar os meus esforzos en sentilas e disfrutalas. Que coma todos, malia que parezo carecer de historia, ducias de desvelos me frearon os pasos. Pois agora, que me sirvan para botar unhas carreiras. A Maravillosa Orquestra do Alcol invítanos a pintar todo de negro cando busquemos unha luz, sen advertirnos de que en ocasións, a luz que mais brilla viste de negro. Porque os restos de cravos ardendo tamén conducían a un interminable ceo azul. Os mariñeiros seguirán navegando polos que se foron e polos que están. E non nos queda mais remedio ca volver encher o mundo de primeiras veces, e volver acostumar o corpo a aquelas cousas polas que xa pasara e lle van cheirar a novidade. Sorprendereime de novo subida aos tacóns, Patricia volverá sorrir como volveu a facelo en Brooklin un ano despois de que lle arrebataran a risa, e Aida volverá con salitre ata nas pestañas cando o mar lle deixe volver a adestrar. Porque agora é o momento para tan só pedirlle permiso ás emocións que sexamos capaces de soportar.
Coa confianza toda.
As ansias a moreas.
E a maxia xusta.