Maxia, teatro e Noite Meiga, este mes no Vicedo
A asociación recreativa e cultural Os do 21, en colaboración co Concello do Vicedo, animan a desfrutar o 9 de agosto, no local social do colectivo, da cuarta edición da Noite Meiga, ás 21.30 horas.
O colectivo repite cada verán esta actividade, á que moitos acoden disfrazados para pasar unha noite de medo, con música e baile e con queimada, todo elo de balde para todo o que queira animarse.
Poucos días despois, o martes 13 de agosto ás 21 horas, na casa da cultura da localidade, tamén devolverá de novo a maxia ao Vicedo o Mago Teto coa función titulada 'As nosas letras', nun espectáculo que homenaxea a cultura galega.
E como parte tamén das actividades culturais de agosto no Vicedo, o teatro protagonizará ao anoitecer do 18 de agosto, onde se representarán dúas comedias italianas con música e con letra en castelán, como 'Orden y matrimonio' e 'La cláusula', de Aldo Nicolaj.