Marzo acolle un ciclo de charlas sobre colesterol e hábitos saudables en Ribadeo

A área municipal de Benestar Social, Saúde e Familia da Ribadeo pon en marcha durante o mes de marzo unha nova edición das charlas informativas sobre saúde cardiovascular, unha proposta orientada á prevención e á divulgación de hábitos saudables entre a veciñanza.
Baixo o título “Colesterol e Saúde Cardiovascular”, estas sesións forman parte do programa municipal Preto de ti, unha iniciativa que busca achegar actividades e servizos públicos ás diferentes parroquias do municipio, facilitando o acceso da poboación á información sanitaria e á educación para a saúde.
As charlas desenvolveranse en varias escolas parroquiais ao longo do mes de marzo, distribuídas en diferentes xornadas para favorecer a participación da cidadanía. O calendario previsto é o seguinte: Vilaselán, o 10 de marzo de 2026 ás 18:00 horas; Ribadeo, o 11 de marzo ás 18:00 horas; Cedofeita, o 12 de marzo ás 16:15 horas; A Devesa, o 17 de marzo ás 10:00 horas; Arante, tamén o 17 de marzo pero ás 16:30 horas; Cinxe, o 23 de marzo ás 16:15 horas, e Rinlo, o 24 de marzo ás 16:15 horas.
Durante as intervencións divulgativas abordarase a importancia dunha alimentación equilibrada como base do coidado da saúde do corazón, así como a influencia dos factores de risco na aparición de patoloxías cardiovasculares. Tamén se incidirá na relevancia dos controis médicos periódicos e na detección temperá de sinais de alerta que poidan requirir atención sanitaria.
A concelleira de Saúde, Elena Sierra, sinalou que ao longo das sesións se ofrecerán recomendacións prácticas para a vida diaria. “Trataranse cuestións fundamentais como a selección de alimentos, os estilos de vida saudables, a prevención de riscos e pequenas pautas que se poden incorporar con facilidade á rutina”, explicou.
Na mesma liña, a enfermeira María Roel destacou que a finalidade principal é “achegar información clara, fiable e útil á veciñanza, para que poida reflexionar sobre os seus costumes e introducir cambios positivos nos seus hábitos”.
A edil subliñou tamén a importancia de coidar a saúde de forma constante, lembrando que a prevención comeza nas decisións do día a día. “É imprescindible contar con datos rigorosos e accesibles que permitan mellorar a calidade de vida e fortalecer o benestar persoal e colectivo”, afirmou.
Así mesmo, a responsable municipal animou á participación nas charlas, concibidas como espazos de encontro comunitario onde resolver dúbidas, compartir coñecementos e aprender estratexias sinxelas para manter unha saúde cardiovascular óptima.