Martín Berasategui ensalza a merluza de Burela

AMariñaXa
Experiencia, calidade, tradición e sabor… son Palabras Maiores, a nova campaña de Merluza D& Burela reforza a súa presenza fóra de Galicia
MARTÍN BERASATEGUI merluza burela agosto 2023
11 Ago 2023

A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela celebrou un acto de promoción e divulgación da 'Merluza D&  Burela' que contou coa participación estelar de Martín Berasategui, asesor  gastronómico da marca e cociñeiro español con maior recoñecemento  nacional e internacional, con 12 Estrelas Michelín e 12 Soles Repsol.

O chef, que na noite do mércores ceou por primeira vez a bordo dun barco  pesqueiro, asistiu desde as 6 da mañá á poxa de pescada na lonxa de Burela,  podendo comprobar en primeira persoa a calidade do produto e intercambiar impresións con armadores, compradores e exportadores de peixe.

Martín Berasategui estivo acompañado polos presidentes e xerentes de ABSA  e OPP-7, Juan José Otero, Abelardo Basanta, Miguel Neira e Sergio López,  xunto a outros directivos de ambas entidades.

Ás 8:30h uniuse o grupo de autoridades encabezado polo conselleiro do Mar  da Xunta de Galicia, Alfonso Villares; a xefa territorial da Consellería do Mar,  Mariña Gueimunde; o delegado territorial da Xunta de Galicia, Javier Arias; a  alcaldesa de Burela e presidenta da Fundación Expomar, Carmela López; o concelleiro do Mar de Burela, Ramiro Fernández; o patrón maior da Confraría  de Pescadores de Burela e presidente da Federación Nacional de Confrarías,  Basilio Otero; ou o presidente de Hostalería de Galicia, Cheché Real; ademais de socios e directivos tanto da OPP como de Absa e outros representantes  políticos e do sector pesqueiro da zona.

A comitiva realizou unha breve visita á lonxa e visitaron un buque palangreiro  atracado no porto de Burela para coñecer de primeira man como se realiza a  bordo a pesca da pescada do picho. Regino Basanta, armador do buque  Idurre Berria, socio de ABSA e OPP, explicou os detalles da pesca coa arte do palangre de fondo.

A xornada finalizou no salón de actos de ABSA co primeiro acto de  divulgación de 'Merluza D& Burela' que se celebra en Burela para os seus  socios e para o público xeral, despois de moitas outras presentacións de  produto noutras cidades de España.

Miguel Neira, xerente de Armadores de Burela, deu a benvida ao acto e  destacou a honra que significa para Burela ter aquí a unha figura tan  internacional como Berasategui. Tamén lembrou a anécdota de como se xestou o prato de merluza de Burela que se serviu a Robert de Niro naquel  mítico “menú impagable” de Madrid Fusión.

A continuación Sergio López, xerente da OPP-7 Burela, encargouse de facer  unha presentación das principais campañas de promoción realizadas nos  últimos anos con marca 'Merluza D& Burela'.

Celebrou o aniversario centenario que cumpre este ano o Porto de Burela e  explicou os diferentes tipos de frotas socias da OP, poñendo o acento na  ecoetiqueta ‘Pescaenverde’ que converte á frota de altura de Burela na  primeira certificada polo seu baixo impacto ambiental. E finalmente amosou  pezas dalgunhas das principais accións e campañas de promoción de  ‘Merluza D& Burela’ e ‘Peixe de Burela’.

Pola súa banda, o conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares,  insistiu na importancia da soberanía alimentaria para calquera país, fronte a  falsos discursos medioambientalistas; e destacou o corazón que pon no seu  traballo a xente do mar de Galicia, que é a principal rexión produtora de peixe  de Europa.

Pechou o acto Martín Berasategui, encumbrado xa como gran “Embaixador  da Merluza D& Burela” e lucindo unha nova chaquetiña que proclama o seu  Amor ao Mar, a Burela, a Galicia, ás súas xentes e, sobre todo, ó seu peixe.

Como primicia anunciou o novo prato creado polo 30 aniversario do seu  restaurante de Lasarte: “Lombo de Merluza D& Burela con cocochas, leite de  améndoa e esencia de percebe”.

O chef lembrou a orixe do seu lema “Garrote” e os seus inicios humildes no  bodegón Alejandro de San Sebastián co que logrou aquela histórica primeira estrela Michelín  das 12 que agora ostentan os seus restaurantes.

A maior demanda que lanzou Berasategui foi que nas escolas deberían ensinar aos nenos a alimentarse doutra maneira, con produtos máis frescos e  máis saudables, aproveitando a calidade de produtos propios como a  pescada do pincho que pescan as frotas de Burela.

E deixou Burela prometendo apoiar con “triplo garrote” aos sectores primarios  españois, despois de coñecer en primeira persoa o esforzo e a dedicación da  xente do mar de Burela: “A gastronomía mundial non sería nada sen a xente  que se esforza no seu traballo como facedes os pescadores de Burela”.

Esta acción está cofinanciada pola Xunta de Galicia e o FEMPA, e inclúese no plan de produción e comercialización anual da OPP-7 Porto de Burela co obxectivo de contribuír á trazabilidade dos produtos da pesca e ao acceso dos  consumidores a información clara e completa.

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
0.16139793395996