Marta Rey ofrece aos ribadenses “traballo, transparencia e compromiso” para dinamizar

AMariñaXa
Marta Rey ofrece aos ribadenses “traballo, transparencia e compromiso” para dinamizar. ofreceu un mitin na Casa do Mar
PSOE mitin Marta Rey
22 Maio 2023

A candidata socialista de Ribadeo, Marta García Rey, ofreceu un mitin na Casa do Mar desta localidade da Mariña para presentar a súa candidatura de cara ás vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. No encontro, no que participaron veciños e veciñas, afiliados e simpatizantes, García Rey prometeu “traballo, transparencia e compromiso” para dinamizar e transformar o seu concello.

A alcaldesa de Trabada e Deputada provincial, Mayra García Bermúdez, e o Voceiro do PSdeG no Parlamento de Galicia, Luis Álvarez, coincidiron en destacar a valía e capacidade da alcaldable ribadense, quen destacou que loitará por un concello “máis activo, no que a prioridade sexa a calidade de vida dos veciños e das veciñas”.

Destacou a socialista o equipo que a acompaña na lista, “renovado, forte, capaz, diverso e preparado”, composto por persoas “coas que comparto ideas e proxecto. Persoas responsables que entenden que só traballando xuntos poderemos acadar os logros máis ambiciosos”.

”O noso concello precisa máis ca nunca dun plan de alugueiro de vivendas dirixido a todos os públicos”, sinalou Marta García Rey, para quen a construción de novas vivendas será tamén unha prioridade. Nas súas propostas programáticas, a alcaldable do PSdeG apunta o impulso da xeración de emprego, apoiar o rural con determinación ou a elaboración dun bo plan de desenvolvemento do turismo que repercuta nos tres sectores. Destacou a necesidade de impulsar o comercio e á hostalería local, así como potenciar o ámbito cultural coa aposta decidida polos festivais de música, achegando iniciativas a todas as parroquias, ou coa creación do museo de Ribadeo.

No capítulo de infraestruturas, cre que Ribadeo necesita un parque canino, a reparación de beirarrúas tendo en conta ademais criterios de accesibilidade, a instalacións de pantaláns flotantes no entorno da Praia dos Bloques para facilitar o baño e as actividades deportivas, ou a creación dun aparcamento e área para autocaravanas.

Graduada en Turismo, Marta García Rey ten 28 anos, é veciña da parroquia ribadense de Vilaselán e volve a presentarse a Alcaldía de Ribadeo “coa mesma ilusión que hau catro anos”, nos que sumou a experiencia do seu traballo como concelleira socialista.

0.18302202224731