Marta Muiña incorpórase como nova coordinadora na Aula da UNED de Foz
A Aula da UNED de Foz contará cunha nova coordinadora, Marta Muiña. A Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo, cun mestrado en Ensino de Español para Estranxeiros, exerce como profesora de ensinanza secundaria dende o 2012, impartindo clases de Lingua Castelá e Literatura. Ademais, é titora na Aula de Viveiro dende hai tres anos e este curso impartirá tamén docencia na Aula de Foz.
Nesta primeira reunión de traballo, que serviu como presentación, a directora e a nova coordinadora fixaron as liñas directrices para o desenvolvemento da Aula ao longo do curso 23-24, onde se imparte presencialmente o Curso de Acceso a Maiores de 25 e de 45 anos e a titulación de grao en Turismo.
Aínda que cabe destacar que todas as materias das titulacións que se imparten na UNED de Lugo se poden seguir en liña en directo ou diferido evitando o desprazamento do alumnado e unha maior flexibilidade e facilidade para a conciliación da vida persoal, laboral e académica. Nese sento, analizaron o desenvolvemento do proceso de matrícula na aula, que pecha o vindeiro sábado, día 21 de outubro, para o curso de acceso a ,aiores de 25 e 45 graos e o vindeiro luns, día 23 de outubro, para graos e cursos de idiomas.
Doutra banda ambas analizaron as temáticas que serán obxecto de formación non regrada a través da programación de extensión universitaria da aula. Estas propostas xa teñen programadas actividades de temáticas como a moda, o enfrontamento de cambios vitais, francés nivel A2, a Constitución para opositores, a preparación do Celga 3 e 4 ou a Lei de Protección Integral da Infancia e da Adolescencia.