Mariña Patrimonio prepara unha charla sobre os restos cerámicos atopados na Atalaia
Continuando coas actividades programadas por Mariña Patrimonio, o sábado 20 de novembro terá lugar unha charla do arqueólogo Roberto Bartolomé sobre os restos cerámicos atopados no xacemento da Atalaia, en San Cibrao. A actividade, que conta coa colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, celebrarase ás 18:00h no Museo Histórico da Casa da Administración de Sargadelos.
Dende o 2006, no xacemento de Punta Atalaia téñense realizado diversas intervencións arqueolóxicas, que demostraron a existencia dun importante asentamento galaico-romano así como a reocupación do lugar na Idade Media. Un dos aspectos máis relevantes destas intervencións é o abundante e variado conxunto de materiais cerámicos atopados durante as escavacións.
Este material cerámico amósanos a importante actividade comercial que se desenvolveu dende a A Atalaia con Lugo e maila Meseta, ademais de conexións comerciais co Atlántico – Cantábrico e co Mediterráneo.
Sen dúbida, as persoas que se acheguen o vindeiro sábado ao Museo Histórico da Casa da Administración de Sargadelos sorprenderanse da interesante información que revelan os restos cerámicos atopados no xacemento arqueolóxico de Punta Atalaia.