Mariña Patrimonio organiza un percorrido polo patrimonio do Vicedo
Mariña Patrimonio organiza para o vindeiro 11 de xuño un percorrido polo patrimonio civil e relixioso máis salientable do Concello do Vicedo.
Aínda que dos detalles das visitas se informará proximamente, pódese adiantar que serán guiadas e que se visitará San Pantaleón, Cabanas, Riobarba, As Negradas, O Vicedo e proximidades.
No caso de que haxa un número suficiente de persoas, o desprazamento realizarase en bus con traxecto ata O Vicedo (con paradas intermedias. Avisarase dos horarios de saída e das paradas), opción máis recomendable xa que hai que moverse de visita a visita.
Segundo a demanda, a viaxe iniciarase en Ribadeo, na Cruz do Lobo ou en Foz para continuar todos xuntos. Ademais, temos pensado en xuntarnos para xantar, polo que reservaremos as prazas necesarias para atender as persoas que así o desexen.
As persoas interesadas deberán anotarse antes do martes 7 de xuño, indicando nome, se é socio ou non, e as opcións que lle interesan, para ter tempo de contratar o bus e reservar onde xantar. Poden facelo mandando un email a mr.patrimonio@gmail.com.
Se non houbese suficiente interese, desbotaríase a opción do bus, decisión que se comunicaría o mércores 8 de xuño ás persoas interesadas así como o importe para ingresar e mailo número de conta de Mariña Patrimonio.