Mariña Patrimonio organiza para o sábado 11 a conferencia 'O castro de Rueta'
A asociación Mariña Patrimonio organiza para o sábado 11 de marzo a conferencia O castro de Rueta. Resultados das investigacións arqueolóxicas de mínima invasión, na que o arqueólogo David González Álvarez, investigador do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT), CSIC, dará a coñecer os resultados das investigacións arqueolóxicas iniciadas o pasado mes de novembro no castro de Rueta (Cervo, Lugo).
A conferencia, que dará comezo ás 12.00 horas, terá lugar na Casa da Administración de Sargadelos e a súa entrada será libre e gratuíta.
A intervención arqueolóxica en Rueta, que contou co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello de Cervo, estivo a cargo dun equipo do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC),coordinado por David González Álvarez (Instituto de Ciencias do Patrimonio) e por Jesús García Sánchez (Instituto de Arqueoloxía de Mérida). Nas actuacións levadas a cabo por este equipo do CSIC, aplicáronse métodos de traballo non invasivos, sen mover nin un gran de terra, empregando magnetómetros e xeorradares. Sobre os resultados deste traballo teremos cumprida información na charla do próximo 11 de marzo na Casa da Administración de Sargadelos.