Mariña Patrimonio alerta do abandono do Castro de Fazouro

Foz
AMariñaXa
Mariña Patrimonio denuncia o deterioro dun dos xacementos máis emblemáticos da comarca, con muros caídos e vexetación descontrolada
Foz-Castro-Fazouro-abandono-2025-2
Estado actual do Castro Fazouro, no Concello de Foz. FOTOGRAFÍA: Mariña Patrimonio
3 Jul 2025

O colectivo Mariña Patrimonio alertou do grave estado de abandono que sofre o Castro de Fazouro, no concello de Foz, un dos poucos castros costeiros musealizados que existen en Galicia. Segundo denunciaron, o lugar atópase “cheo de herbas altísimas, con vexetación medrando entre os muros das antigas vivendas castrexas e cun muro de protección parcialmente derrubado e o resto a piques de caer”.

O grupo visitou o castro na xornada de onte e asegura que a imaxe que ofrece actualmente é “unha auténtica vergoña para un Ben de Interese Cultural”. Lembran que se trata dun espazo “especial e moi valioso”, tanto polo seu valor histórico coma polo atractivo paisaxístico que supón a súa localización, nun pequeno promontorio xunto ao mar, entre a praia da Areoura e a punta do Castro.

O muro de protección ao que fan referencia foi construído hai anos no bordo do cantil co dobre obxectivo de evitar desprendementos cara ao mar e previr que os visitantes sufran caídas na zona. Mariña Patrimonio advirte que leva tempo presentando fendas e gretas “cada vez máis preocupantes” e que na súa última visita constataron que unha parte xa colapsou. “O resto pode caer en calquera momento, converténdose nun perigo real para quen se achegue ao castro”, afirman.

O colectivo considera “inaceptable” que un xacemento declarado Ben de Interese Cultural se atope nestas condicións e lamenta a falta de mantemento. “Un lugar con tanto significado para a historia da Mariña e de Galicia merece outro trato. O que está a suceder é unha mostra de desleixo institucional”, denuncian.

Mariña Patrimonio insta ás administracións públicas a actuar de maneira urxente. Reclaman unha limpeza inmediata da vexetación, a consolidación dos elementos arqueolóxicos e a reparación do muro de contención. “Este espazo precisa respecto, coidado e atención, non un abandono que pon en risco tanto o noso patrimonio coma a seguridade das persoas”, conclúen.

⚙ Configurar cookies
0.20603513717651