Mariña Gueimunde reuniuse cos veciños de Galdo para falar sobre as necesidades da parroquia

AMariñaXa
O PP de Viveiro, Mariña Gueimunde reuniuse cos veciños de Galdo para falar sobre as necesidades da parroquia
16 Feb 2023

A candidata do PP á alcaldía de Viveiro, Mariña Gueimunde, continúa a súa rolda de contactos con asociacións do municipio e visitas ás parroquias de Viveiro para interesarse polas súas necesidades e expor novos proxectos que permitan mellorar a calidade de vida dos veciños. Esta semana, Gueimunde reuniuse coa Asociación de Veciños de Galdo, que lle transmitiu como unha das súas principais preocupacións a mellora e mantemento das pistas forestais. Nesta materia, os veciños apuntan que resultaría moi positivo que o Concello traballe en colaboración coa comunidade de montes para a organización, execución e cofinanciamento de proxectos que permitan conservar e mellorar pistas no rural; é unha fórmula de colaboración que estiman vantaxosa tanto para os comuneiros como para o concello.

Precisamente, o mantemento destes viais é outro dos motivos de preocupación dos veciños pois, en ocasións, a maquinaria empregada para extraer a madeira causa danos neles, facéndose necesario o seu arranxo. Por iso, desde a asociación expoñen que se executen as fianzas esixidas aos madeiristas en previsión de posibles danos nos camiños.

Completar o saneamento 

Así mesmo, os veciños de Galdo manifestaron a Mariña Gueimunde a necesidade de completar o saneamento en toda a parroquia pois, a pesar de estar concluídas as obras dunha parte da rede de sumidoiros (na Feira e desde Trábea ata o Pontigo), aínda se atopa inoperativo nalgúns núcleos. Outra das carencias manifestadas ten que ver coa subministración de auga a parte sur e suroeste da parroquia.

No aspecto social, e como medida para fixar poboación (Galdo perdeu case un 30% da súa poboación desde o ano 2000), os veciños propoñen un proxecto de residencia para a terceira idade, que se podería levar a cabo aproveitando edificios xa existentes como a escola fogar ou a casa parroquial.

A asociación tamén lle expresou a Mariña Gueimunde a súa demanda de que se dote de luz ao local social e que se sele o pozo que se atopa no seu patio, dado que podería resultar perigoso.

0.1643500328064