Mariña Gueimunde: "Comprometémonos a recuperar o prestixio de Viveiro con moito esforzo e estabilidade"

Por Ana Somoza
Asumiu a Alcaldía de Viveiro tras a moción de censura con Por Viveiro. Como se sente ao dar este paso tan significativo?
Síntome por unha parte ilusionada, evidentemente, porque é polo que estou a traballar, o levo traballando desde que entrei en política. Como todos os políticos, queremos facer algo e contribuír todo o que podamos a mellorar o noso pobo que, en definitiva, polo menos para tratar de facer as cousas un pouco mellor. Tamén con moita ilusión, pero certo é que, tamén moita preocupación, porque eu son consciente do que se aveciña ou do que nos vamos atopar cando cheguemos. É máis ese temor.
Porque temor?
Sei que hai que traballar, sei que temos moitas cosas por facer, pero o descoñecido sempre é o que temes. Medo a que moitas ideas, moitos proxectos, finalmente se vexan totalmente condicionados polas débedas arrastradas derivadas dunha mala xestión. Porque somos conscientes de que, todo o que veña de atrás, haino que asumir. Os gobernos progresistas leváronnos a unha débeda de preto de 7 millóns de euros que compromete totalmente os investimentos ou a atención ao cidadán.
Como foi a súa traxectoria política ata chegar a este punto?
Dende moi nova sempre fun de contrastar opinións, non de discutir, pero si de debater. E hai que dicir que no ADN levo tamén a política pois o meu avó foi alcalde de Viveiro. Sempre participei moito de todas as actividades da vila, e unha cousa por outra, viñéronme buscar un día para ser concelleira, e aquí estou.
Que motivou a decisión de presentar esta moción de censura?
Basicamente a desidia do Goberno local, que semella que vai sen rumbo e en improvisación continua. Non se poden improvisar os presupostos. Non se poden improvisar os investimentos. E despois chegar ao ano pasado, con máis dun millón de euros de facturas do ano anterior. E agora estamos á espera do resultado das contas xerais do ano 2024, que polo que sabemos xa ían 400.000 de débeda e sen orzamento municipal.
Así que será unha sorpresa o que atope ao chegar, non?
Teño moitos defectos, pero son clara, eu sei que o que digo non lle gusta a todo o mundo, pero a realidade é que serei transparente, non enganarei aos cidadáns, non quero levar culpas que non teño. Son consciente da situación do Concello, sei que isto non é doado, que non é un traballo a curto prazo, e non lle boto toda a culpa nin sequera, ao PSOE e o BNG, pois ao mellor tamén hai que entoar o mea culpa por cousas que xa viñan de antes resultado das investimentos que aínda están aí. Pero despois de 22 anos que o Partido Popular non goberna en Viveiro, creo que é tempo suficiente para amosar o que podemos facer. Eu creo nos cambios de política, é dicir, que non se pode apousentar ningún partido porque está ben ver as cousas desde outra perspectiva.
Trala moción de censura, como imaxina a relación coa oposición?
A relación coa oposición sempre foi boa. Así que espero que sexa, mais ou menos, a mesma situación. Claro, eu era oposición, malia que o Partido Popular foi quen gañou as eleccións por maioría de votos. Non sei como van a responder eles, pero esperemos que sexa do mesmo xeito que eu o fixen, asumindo as regras do xogo que tamén contempla a moción de censura. Que entendan que cando unha gaña as eleccións e consegue sete concelleiros, tamén é moi doente estar na oposición. Máis o respecto nunca se pode perder.
Como se xestou a alianza?
Os únicos que traizoan ao pobo son os que lle minten ó pobo. E Por Viveiro en ningún momento mentiu. Apoiou ao Goberno de esquerdas por dous anos se cumprían un acordo programático, promesas que non cumpriron. E agora danlle a oportunidade ao PP para que demostre a súa valía en tan so dous anos que son os que restan de lexislatura.
Que lle pesou máis a Por Viveiro, as ideoloxías ou a vila?
Desta volta a Vila. Hai dous anos votaron có corazón e desta volta recorreron á razón. Eu teño que agradecer o esforzo que fixeron pois para eles non foi doado dar o paso. Apoiar ao Partido Popular foi un esforzo. E todos os que queremos a Viveiro debemos recoñecer ese esforzo. Se moitos fixeran e actuaran con compromiso como o fixeron eles, outro galo nos cantaría. Saben o risco que corren nas próximas eleccións.
Como pensa que será a relación con Por Viveiro?
Sempre tivemos unha relación moi fluída e moi comunicativa. Pero eles decidiron non estar dentro do Goberno, o que non sei si, unha vez que se constitúa a xunta de goberno local, queren entrar ou non. Eu preferiría que entraran a formar parte.
Que expectativas ten respecto as colaboracións con outras administracións?
Eu pretendo ser respectuosa institucionalmente. Presentareime, pedirei audiencias para intentar falar e traer todo o que poida para Viveiro. Vou pedir cita co representante da delegación do Goberno, e por suposto, co presidente da Deputación, máis cando veu a ofrecer un millón de euros a Por Viveiro hai pouco tempo para que rectificaran a súa postura. Gustaríame que os veciños de Viveiro puidesen contar co que a Deputación lle veu dando ata agora, pois hai que recoñecer que a institución provincial deu cartos a Viveiro e eu quero siga apostando pola vila e polos veciños. Presentarei os meus respectos ao presidente e pedireille que teña en conta que necesitamos á Deputación de Lugo pois os veciños non entenden nin de competencias, nin de política e moito menos de mocións de censura, o único que entenden é de servizos e ver que os cartos se empregan na vila. E por suposto apelarei ó presidente da Xunta de Galicia.
Como pensa gañar o apoio dos veciños de Viveiro, e que lles di a aqueles que non están convencidos coa Alcaldía Popular?
O primeiro e máis importante é que confíen en min. E o segundo que se lembren que hai dous anos houbo outra moción de censura, a que se fixo para que o PP non gobernase e permitiu a formación de Goberno aos tres perdedores das eleccións. Así son as regras do xogo, permiten unha cousa e permiten outra.
Cal é a mensaxe principal que lle gustaría transmitir aos veciños?
Pois que hai esperanza para construír un Viveiro mellor pero que eu comprométome a traballar para recuperar ese prestixio que hai moito tempo xa perdemos na comarca e na provincia. Xunto ó meu equipo trataremos de aportar estabilidade e traballo responsable aínda que sabemos que con moito sacrificio e esforzo persoal e profesional, máis con moito respecto.
Cales son os seus principais obxectivos?
A folla de ruta que asinamos é unha folla de ruta de Goberno. Non son exixencias únicas exclusivamente á Xunta de Galicia. Senón que son para todas as administracións e para nós mesmos. O primeiro é facer o orzamento municipal, e en función diso, todo o que poida contar agora queda un pouco velado, porque non sabemos se podemos mover esta pedra de aquí alí ou se podemos tapar unha fochanca. Despois, eu creo que o casco histórico necesita unha actuación urxente xa que é o que levamos fóra das nosas fronteiras, do que presumimos e o primeiro que ven os turistas cando nos visitan pero sobre todo polos que convivimos todo o ano na vila. O seguinte serán as parroquias, pois son espectaculares, temos unhas paraxes dignas de visitar e debemos valoralas. Tamén hai que tratar de mellorar os servizos, de xestionar os nosos recursos tanto materiais como humanos, de entrar no Concello, de ver onde podemos axudar, onde se necesita priorizar, e para iso hai que escoitar aos profesionais, aos funcionarios municipais pois son os que reciben as queixas dos veciños e son os primeiros que ven as deficiencias. Eu voume fiar moito deles e por iso reunireime con todos e cada un dos servizos, xunto cos delegados de área. E tamén seguiremos apostando polo que vende Viveiro: Resurrection, Semana Santa, Mostra Folclórica, polo comercio, o Entroido, a gastronomía... que é moi importante, por iso digo que a prioridade é revitalizar o casco histórico. Escoitaremos ao sector, tanto o da madeira, como o pesqueiro, visibilizaremos o noso potencial artístico, deportivo, científico etc. Todos poden e deben de ser embaixadores da nosa terra. E debemos apostar tamén polo sector industrial e por iso é tan importante o PXOM, sen el non hai asentamento de empresas, e non hai traballo, non hai emprego e non hai familias. Tamén hai un problema coa vivenda que debemos aliviar.
Que pasa co PXOM?
É moi curioso que digan despois de 20 anos que non temos PXOM cando a Xunta fixo os seus deberes e os informes técnicos que derivaban de diferentes departamentos de Xunta de Galicia están aí. Non podemos dicir o mesmo dos que derivan do Goberno do Estado (telecomunicacións, do Ministerio de Transición Ecolóxica e que veu tres veces negativo, e o de ADIF) nin tampouco do traballo que debería ter feito o Concello (notificacións das parcelas que non se fixeron, nin tampouco as resolucións ás alegacións) etc. A anterior alcaldesa tiña un traballo que facer xunto cos técnicos, e ela como cabeza do Concello é a responsable de todo isto.
E coa variante?
Pois nós o que pretendemos facer é activar a licitación do proxecto, (en dous anos é imposible facer máis). É dicir, actualizar o proxecto e facer algunha adaptación á normativa ou modificación se fose necesaria.