Marimar Rodríguez, recoñecida co XXVII premio Vegadense do Ano polo seu labor sanitario

Vegadeo celebrou unha das súas citas máis especiais coa entrega do XXVII galardón Vegadense do Ano, que nesta ocasión recaeu en María del Mar Rodríguez, coñecida por todos como Marimar. A gala, cargada de emoción e chea de aplausos, reuniu a centos de veciños que quixeron agradecerlle persoalmente os anos de entrega e dedicación á comunidade.
Dende a organización, Amigos de Vegadeo, expresaron o seu recoñecemento a todos os que fixeron posible a celebración. “Moitas grazas aos proponentes, ao xurado, aos colaboradores e aos socios, sen os que este evento non sería unha realidade”, indicaron.
Natural da parroquia de Santalla de Vilaousende, Marimar recibiu como símbolo do premio unha reprodución da emblemática xoia castrexa prerromana coñecida como a Diadema de Vegadeo. A súa vocación sanitaria naceu cedo: tras rematar os estudos de Enfermaría en Lugo, iniciou a súa carreira en Paradela e Sarria, pasando despois por Vilalba antes de establecerse definitivamente en Vegadeo.
“Leva exercendo a súa profesión no centro de saúde da vila dende hai case corenta anos, sempre cun trato próximo, humano e comprometido”, lembran os que tiveron ocasión de traballar con ela ou de recibir a súa atención. O premio, afirman moitos asistentes, non é só un recoñecemento profesional, senón tamén un xesto de gratitude a unha vida enteiramente dedicada ao benestar da veciñanza.