María Loureiro será de novo a candidata do PSOE á Alcaldía do Concello de Viveiro
A Agrupación Socialista da Viveiro escolleu por unanimidade en asamblea a María Loureiro como candidata á Alcaldía do Concello nas eleccións municipais de maio de 2023.
A alcaldesa confirma así “o meu compromiso absoluto con Viveiro e os meus veciños, toca traballar a diario para consolidar o noso proxecto”. Nun mandato moi complicado pola pandemia e o contexto económico e social, “fumos quen de dar pasos fundamentais para ter un novo PXOM, unha ferramenta fundamental para o futuro do concello”.
“Co traballo feito nestes anos, Viveiro é ademais a referencia turística e do sector servizos da Mariña, pero aínda queda moito traballo por diante, loitando pola nosa vila e o conxunto da comarca”, explica a candidata socialista.
Loureiro sinalou na asamblea que o PSdeG-PSOE de Viveiro xa ten “a vista posta nas eleccións para presentarlle aos nosos veciños e veciñas un proxecto progresista e socialista”.
A asamblea puxo en valor “o bo traballo realizado durante todo o mandato polo goberno local”. Durante as próximas semanas, os socialistas de Viveiro recollerán as propostas e suxestións dos diferentes sectores económicos locais e do tecido asociativo e veciñal para elaborar o programa electoral.
“A candidatura combinará continuidade e renovación, unha lista paritaria coa presenza de persoas do casco urbano e as parroquias, todas elas moi preparadas para traballar por Viveiro”, remata Loureiro.