María Loureiro renova como secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Viveiro

AMariñaXa
A nova executiva local aposta por recuperar a conexión coa veciñanza e construír unha alternativa progresista para o municipio
PSOE-Executiva-Viveiro-2025
1 Jul 2025

O PSdeG-PSOE de Viveiro vén de renovar esta semana a súa Comisión Executiva Municipal, nunha asemblea na que María Loureiro García foi reelixida como secretaria xeral da agrupación. A nova dirección está formada por un equipo plural, representativo e comprometido coas realidades sociais, económicas e territoriais do concello, segundo sinalan desde a formación socialista.

A executiva aposta por un equilibrio entre experiencia e renovación, coa intención de reforzar o partido no ámbito local, ampliar a súa base social e recuperar a confianza da militancia e da cidadanía. O obxectivo é construír unha alternativa sólida desde os valores da esquerda, que volva conectar coas demandas e necesidades da xente.

O equipo organizouse arredor de áreas clave da vida municipal, cunha estrutura que reflicte tanto o organigrama do Concello como os perfis e capacidades das persoas integrantes. Cada secretaría foi deseñada segundo a experiencia ou motivación das persoas responsables, coa intención de desenvolver un traballo útil, próximo e centrado na realidade do municipio.

A dirección local queda integrada polos seguintes cargos: María Loureiro García como secretaria xeral; Jesús Fernández Cal como vicesecretario xeral; María del Carmen Franco Díaz en Organización; Jesús Fernández Fernández á fronte de Política Municipal, Economía e Facenda; Jacobo Bermúdez en Industria, Comercio e Turismo; Vicente Hermida Rodríguez en Medio Rural; Covadonga Viamonte Aguiar en Política Social, Muller e Igualdade; Iber Xosé Sánchez Rey en Xuventude, Innovación e Novas Tecnoloxías; e Andrea Ríos Rodríguez en Educación e Deportes.

Entre as primeiras liñas de acción que marcará esta nova etapa destacan a reactivación da actividade política nas parroquias, con presenza directa da executiva e das persoas militantes interesadas; a organización de encontros e espazos formativos que dean protagonismo á base; e a posta en marcha de campañas abertas á cidadanía, dirixidas a atraer persoas novas, mulleres e colectivos comprometidos cun Viveiro máis igualitario.

Desde a executiva local subliñan que “o PSdeG-PSOE forma parte da historia deste concello, e tamén queremos que sexa parte do seu futuro: un futuro con dereitos, con servizos públicos de calidade e con oportunidades para toda a veciñanza”. Conclúen asegurando que afrontan esta nova etapa “con ilusión renovada e co compromiso firme de facer do socialismo viveirense unha ferramenta moderna, útil e centrada nas persoas”.

⚙ Configurar cookies
0.18147802352905