María Loureiro pide "solucionar o caos do centro de saúde de Viveiro"
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, demanda ao conselleiro de Sanidade da Xunta, Julio García Comesaña, que adopte as medidas necesarias para solucionar a situación caótica do centro de saúde e do conxunto da atención primaria na comarca.
Nunha carta remitida ao conselleiro, Loureiro expresa a súa “preocupación e malestar pola situación que está a sufrir o Centro de Saúde de Viveiro e as súas graves consecuencias para todos os veciños e veciñas”.
O luns 12 de setembro o Centro de Sáude de Viveiro viviu unha nova xornada de caos, tendo en conta que houbo só dúas médicas (tres onte) para atender a unha poboación de quince mil persoas, ademais dos desprazamentos. É inaceptable que, dunha plantilla de dez facultativos, queden só dúas médicas que, ante esta situación, se viron obrigadas a atender unicamente as urxencias.
“Hai tempo que se vén denunciando a falta de cobertura dos facultativos que se atopan en situación de baixa ou disfrutando dos permisos e vacacións regulamentarios, a falta de persoal, problemas na atención telefónica ou o mal funcionamento do PAC, no que se presta atención aos veciños de Ourol, O Vicedo e Viveiro e que, ante esta situación, están acudindo directamente ao servizo de urxencias do Hospital de Burela”, engade a alcaldesa.
“Ante esta situación é necesario que a Consellería de Sanidade adopte as medidas oportunas para garantir unha correcta prestación do servizo, evitando que estas graves deficiencias se volvan a producir”, remata.
A alcaldesa aproveitou a carta para informar ao conselleiro de que ten solicitada desde xaneiro, xunto coa Plataforma Sanitaria da Mariña, unha reunión co xerente da Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte, Ramón Ares, para falar da situación na que se atopan os centros de saúde da comarca, indicando xa no seu momento que se invitaría aos demais alcaldes e alcaldesas da Mariña.
“Tendo en conta o tempo transcorrido dende a solicitude desta xuntanza, en xaneiro deste ano, é polo que solicito que realice as xestións oportunas co fin de poder ser recibidos por Ramón Ares", apunta María Loureiro.
Por outra parte, a alcaldesa participou esta mañá nunha recollida de sinaturas en apoio dunha Iniciativa Lexislativa Popular, demandando medidas urxentes para mellorar a atención primaria.