María Loureiro destaca que o Nadal que hoxe goza Viveiro é froito de anos de xestión

Viveiro entrou oficialmente no Nadal coa inauguración do Belén e do alumeado festivo, dúas citas que cada ano marcan o comezo da tempada máis luminosa e visitada da cidade. A portavoz socialista no Concello, María Loureiro, celebrou este inicio das festas, pero tamén aproveitou para facer unha reflexión sobre o camiño percorrido para que estas tradicións sigan hoxe plenamente vivas.
Loureiro lembrou que o Belén, convertido agora nun dos reclamos turísticos máis potentes do Nadal viveirense, non estivo sempre asegurado. Durante varios anos deixara de instalarse, por razóns coñecidas pola veciñanza, “e ás que non é necesario volver”, apuntou. Foi no ano 2014 cando, desde o goberno socialista, se decidiu recuperalo con “ilusión, responsabilidade e un profundo respecto polo patrimonio”, explicou a portavoz. Desde entón, consolidouse como unha das principais atraccións da comarca e un motor para o comercio e a hostalaría locais.
A socialista destacou tamén o proceso de mellora continua do alumeado de Nadal, hoxe practicamente en propiedade municipal. Ao longo de varias campañas, o goberno de Loureiro apostou por ampliar e adquirir iluminación para o casco histórico, co obxectivo de ofrecer un Nadal “atractivo, coidado e á altura do que Viveiro merece”.
Loureiro insistiu en que esta mirada ao pasado non pretende atribuír méritos partidistas, senón subliñar a importancia de recoñecer o traballo previo que posibilitou a actual normalidade: “Moitas das cousas que agora se presentan como novidades, e que antes se criticaban, son froito dunha planificación sostida no tempo”.
A portavoz socialista subliñou que a memoria “non é confrontación, senón honestidade”, e reivindicou o compromiso que guiou aqueles anos de xestión: apostar pola cultura, polo turismo e pola dinamización do municipio como piares dun Viveiro vivo e atractivo.
“Alégrome de que o Belén siga adiante e de que o alumeado continúe iluminando o noso casco histórico”, sinalou Loureiro. “E alégrome, sobre todo, de que Viveiro siga avanzando”. Con todo, lembrou que o presente festivo que a cidade desfruta hoxe “naceu dun traballo previo e dun compromiso firme coa vida da nosa cidade”.