María Loureiro destaca o compromiso da Deputación co desenvolvemento de Viveiro

AMariñaXa
Destacan as achegas á Semana Santa e ao Resurrection Fest como exemplos de colaboración
Maria-Loureiro-reunion-Deputacion-2026
21 Mar 2026

A presidenta do PSOE de Viveiro e asesora da Deputación de Lugo, María Loureiro García, mantivo unha reunión de traballo coa presidenta do organismo provincial na que se analizaron distintas actuacións de interese para o municipio. O encontro serviu para facer balance das liñas de colaboración abertas e avanzar en novos proxectos orientados ao desenvolvemento local.

Durante a xuntanza, púxose de relevo o papel da Deputación como entidade que mantén o seu respaldo aos concellos con independencia da cor política dos seus gobernos. Neste contexto, destacáronse iniciativas xa en marcha, como a subvención nominativa de 35.000 euros destinada á carpa da Semana Santa, un espazo que acolle a antesala do museo vinculado a esta celebración, así como o apoio ao Resurrection Fest, que recibe unha achega de 150.000 euros e que se consolidou como un evento de referencia internacional en Viveiro.

María Loureiro subliñou a importancia de garantir a continuidade destes proxectos, que contribúen tanto á dinamización económica como á proxección turística da vila. Ademais, puxo en valor a actitude de cooperación constante da Deputación, lembrando que ao longo do último ano mantivo diversos encontros co goberno municipal para atender necesidades e coordinar actuacións.

A responsable socialista contrapuxo esta disposición co que cualificou como unha falta de atención por parte da Xunta de Galicia, á que acusou de non dar resposta a demandas relevantes para Viveiro e de frear investimentos considerados prioritarios.

A reunión permitiu seguir avanzando no seguimento de iniciativas en marcha e consolidar o compromiso de apoio institucional ao municipio, co obxectivo de favorecer o seu crecemento e mellorar os servizos á cidadanía.

0.12581610679626