María José Ginzo, investigadora: “A Pontenova ten apelidos característicos e é algo que non sucede noutras zonas”
Lucía Blanco
Os apelidos forman parte do patrimonio familiar na comunidade. Transmitidos de xeración en xeración, din quen somos e quen chegamos a ser ao longo dos anos. Saber como nos distribuímos os galegos en canto a estas denominación era a intención da matemática Mª José Ginzo, que desenvolveu unha tese sobre a súa evolución espazo-temporal. “Identificar cal era o apelido máis característico dunha zona e a miña unidade mínima especial eran os concellos”, mantívose como un dos seus obxectivos.
Na investigación tivo unha certa influencia a procedencia de seus avós, naturais da Pontenova, ata onde se desprazou nunhas vacacións de Nadal para determinar cales eran os nomes máis representativos. “Coñezo o municipio non só a nivel de concellos, senón a nivel de parroquias. Así que busquei información das persoas que faleceran alí e estaban enterradas para identificar cal era dalgunha maneira o apelido característico de cada parroquia”.
Neste concello mariñán encóntranse apelidos que caracterizan a zona, entre os que enumera o seu, Ginzo —toponímico do lugar de Xinzo na Pontenova—, que tamén é dos máis frecuentes; Iravedra; Lodos; Moirón ou Trevín —é probable que sexa toponímico do lugar de Trevín na Fonsagrada—. “Noutros lugares non sucede así. Por exemplo, zonas como Ames, en Santiago, ou as propias cidades son zonas atractoras e hai xente de toda a comunidade. Ao final aínda que se pode sinalar un apelido característico da zona ou da comarca, haberá unha maior diversidade”
En Técnicas estatísticas en xeolingüística. Modelización onomástica buscaba construír rexións de apelidos en Galicia, para saber se nos agrupamos dalgunha maneira determinada, e logo estudar un por un para coñecer o seu patrón espacial e temporal. A partir de técnicas de estatística bayesiana, empregada habitualmente na epidemioloxía, analizou “a incidencia ou a probabilidade de que un apelido determinado apareza nunha rexión determinada, neste caso sería un concello”.
Distribución segundo o paso do tempo
A través desas ferramentas de predición e tendo en conta tanto a frecuencia destes nomes nos distintos concellos e total de habitantes, pódese saber que ocorre con esa denominación. “Un que sexa pouco frecuente é mais probable que chegue a aparecer nas grandes cidades como Lugo ou Vigo que nun pobo pequeno porque as grandes urbes son focos atractores de poboación”. A distribución dos habitantes co paso do tempo tamén deixou pegada na localización das denominacións, afectada por procesos como a urbanización de finais dos 60 pola que moitos galegos foron vivir ás grandes urbes.
“Algún apelido tamén o estudamos dende ese punto de vista, facendo cortes no conxunto de datos e quedando con poboación nada antes de 1945, 1965 e así sucesivamente. Vas vendo como van saltando os apelidos que son normalmente más rurais ou máis afastados das cidades, por dicilo dalgún xeito, e van aparecendo nelas”. Porén, o ideal nesta cuestión sería contar cun padrón máis antigo. “Parto das persoas vivas no 2011 e por exemplo se estudo un apelido concreto como Ginzo, característico da Pontenova, os meus avós xa non estaban vivos nese ano. Se corto nos nados antes do 45, aínda que sei que existían, no meu estudo non aparecen e queda nesgado”.
Este traballo naceu como consecuencia dunha rede de investigación Tecnoloxía e Análise de Datos Lingüísticos (TeCAnDaLi) formada por grupos de investigación en Estatística, Ciencias da Computación da USC e tamén de investigadores de Telecomunicacións e de Filoloxía da UVIGO baixo o paraugas do Instituto da Lingua Galega. “Propoñía retos relacionados co galego para que os resolveramos empregando cada un ás ferramentas da súa área. Empezando a traballar con eles xurdiu o tema de tratar de ver se había algún paralelismo entre a forma de agruparse os apelidos galegos e a forma que ten o mapa das variedades dialectais do galego”.