María del Mar Rodríguez, elixida Vegadense do Ano

AMariñaXa
A enfermeira de Santalla de Vilaousende recibirá o galardón o 7 de agosto nun acto na Casa da Cultura
concello-vegadeo
28 Apr 2025

A Asociación Amigos de Vegadeo e o Concello acordaron conceder o premio Vegadense do Ano á enfermeira María del Mar Rodríguez, natural da parroquia de Santalla de Vilaousende. O recoñecemento entregaráselle o vindeiro 7 de agosto, no Auditorio Félix Menéndez da Casa da Cultura, nun acto no que recibirá unha reprodución da famosa xoia castrexa prerromana coñecida como a Diadema de Vegadeo.

Tras completar os seus estudos de Enfermaría en Lugo, María del Mar comezou a súa traxectoria profesional nas localidades lucenses de Paradela e Sarria. Máis tarde, pasou por Vilalba durante un breve período antes de asentarse definitivamente en Vegadeo. “Alí onde leva exercendo a súa profesión no centro de saúde local dende hai case corenta anos”, destacan as persoas que a coñecen.

O xurado encargado de outorgar esta distinción —que chega xa á súa vixésimo sétima edición— estivo composto por Juan Antolín Rato; Juana Conde Fernández e Julio Rodríguez Llano (que emitiron un voto conxunto); José Antonio Fernández Riesgo; María Luz Rodríguez Somoza; e Juan Riveras Díaz, que tamén actuou como secretario.

No documento oficial recóllense os argumentos que sustentan a elección de Mari Mar, unha candidatura proposta pola Peña Sportinguista de Vegadeo, e que destaca “o seu compromiso coa sanidade local e a súa implicación persoal coa comunidade”.

⚙ Configurar cookies
0.18000316619873