Marcos Vaqueiro: "O modelo 3D é a base, xa que permite coñecer canto levamos"

Por Ana Somoza
Como xurdiu o proxecto Rei Cintolo: Objetivo 11.000 m.?
Realmente foi unha casualidade. A idea era facer un exercicio de modelado dixital dunha pasaxe de Rei Cintolo para ver como quedaba. Pero por puro divertimento... No ano 2017 o C.E. A Trapa (CETRA) organizou en Mondoñedo un encontro con espeleólogos de varios clubs, dedicado ao modelado dixital das covas e a elaboración de cartografía morfolóxica e xeomorfolóxica das mesmas. Nese encontro coñecín a Xurxo Lorenzo, estudoso da cova de Rei Cintolo. E volvémonos atopar no seguinte edición do encontro de topografía no 2018. Durante a cea de confraternidade, e vistos os resultados dos modelos obtidos en varias covas pequenas da zona, acordamos aventurarmos a facer o levantamento 3D da ruta circular Tubo de Presión – Potes – Cirios na cova de Rei Cintolo. E o fixemos a finais de marzo do 2018. O modelo quedou ben, así que pouco despois fixemos unha segunda proba para o mes de xuño, ampliando o modelo coa volta Potes – Muñecos – Cirios. E despois formulamos unha terceira xornada para setembro. E xa rematando o ano planificamos un traballo máis sistemático, orientado a re-exploración, modelado dixital, cartografía morfolóxica e estudo da cova. E xa levamos 113 sesións de traballo en cova, organizadas en 51 expedicións.
Quen foron as persoas impulsoras deste proxecto?
Iso non é doado de responder. A primeira sesión de traballo a promovemos Reinaldo Costas e eu do C.E. A Trapa, e Xurxo Lorenzo do E.C. Rei Cintolo. E a esta aventura “de proba” incorporáronse uns cantos voluntarios, entre eles Javier Fouz , daquela do G.E. Flash (Madrid); Rosa María Varela e Gonzalo Villarmea daquela no G.E. Lugo. Na segunda sesión en xuño de 2018, xa había 11 espeleólogos de 7 clubs. E a cousa foi medrando. Nestes case sete anos, colaboraron ate 106 espeleólogos ou investigadores. No 2024 participaron de forma activa 34 persoas. E aínda que non o pareza, levamos acumuladas algo máis de 4.900 horas-persoa de traballo na cavidade.
“Temos xa un modelo dixital de 9.204 m de cova, con 102 m de desnivel entre o punto máis alto eo máis fondo”
Cal é a misión principal de Rei Cintolo: Objetivo 11.000 m.?
O proxecto, e mesmo a investigación, articulase ao redor do modelado dixital da cova. O modelo 3D é a base do traballo, porque é o propio modelo o que permite coñecer canta cova levamos explorada ou topografiada. E é esencial para entender a súa estrutura, xeometría e orografía. Ademais sobre o modelo facemos referencias espaciais as mostraxes para datacións, os puntos de mostraxes e os seus resultados analíticos; e tamén documentamos os impactos, restos arqueolóxicos e paleontolóxicos, rexistros relacionados coa biodiversidade e poboación subterráneas, e tamén rexistros relacionados coa xeomorfodiversidade, a hidrotopografía, augas subterráneas e recursos fráxiles… O modelo dixital da soporte a toda a información que temos sobre a cova. Compre sinalar ademais na espeleoloxía, o único xeito de dicir ata onde chegamos e reflectindo a cova nun plano ou modelo que outros poidan avaliar.
Cales son os maiores desafíos aos que se enfrontaron?
Pois houbo varios. Un dos maiores foi o tecnolóxico pois cando comezamos só tiñamos un instrumento de medida para traballar na cova con precisión. E precisabamos máis instrumentación, robusta, áxil e de custe asumible, que puideran medir con precisión e en condicións complicadas, para poder traballar con varios equipos en paralelo de cara a avanzar. Pero a realidade é que non existen moitas opcións comerciais accesibles para traballar en cova. Ao final parte do material o conseguimos como préstamo doutros proxectos en cova nos que colaborabamos co Instituto Universitario de Xeoloxía da UdC. Outros grazas a cesións de outros clubs.

Cal foi o gran avance?
Foi a a finais do 2022, grazas a Moisés Pereira do C.E. A Trapa (CETRA), que nos construíu varias unidades de Caveatron con LIDAR integrado, co que conseguimos chegar a traballar con cinco equipos en paralelo. Pero tamén foi un desafío adestrar aos participantes no emprego axeitado de diferentes instrumentos, de medida, ademais de establecer un criterio e metodoloxía común para o traballo. Isto o resolvemos cos encontros de topografía, evento no que repasamos criterios de traballo e nos que nos “adestramos” para traballar cada campaña. O vindeiro encontro será en febreiro de 2025.
Houbo máis desafíos?
Outro desafío foi resolver permisos e autorizacións, e isto abrangue moitas frontes. Dende a conciliación familiar (posibilitando a participación dos mais cativos no proxecto), ate compatibilizar investigación coas visitas turísticas, ou dispor de autorización para facer controis ambientais nos intres de peche biolóxico da cova. Pode parecer algo trivial pero os primeiros anos, as limitacións do regulamento supuxeron un verdadeiro problema. Grazas ao concello de Mondoñedo e a Federación Galega de Espeleoloxía conseguimos algunhas autorizacións especiais para traballar na zona turística. E en novembro de 2020 publicouse un novo regulamento de acceso á cova que incluía as actividades de investigación dentro de Rei Cintolo. E dende entón os procesos son moi áxiles, o que nos permitiu aproveitar moito máis as xornadas de cada expedición.
Que recursos ou apoios precisaron para o proxecto?
Todo o que levamos feito foi a orzamento cero, sen axuda económica. Aínda que a espeleoloxía é unha actividade científico-deportiva, a realidade é que no noso país ten consideración de actividade deportiva. E alén das axudas que se poidan conseguir para cordas, ancoraxes e outros materiais deportivos, todo o equipamento para a investigación ou os custes da propia investigación a tivemos que asumir do noso peto. Deberían tratar de acollermos a algunha convocatoria de proxectos de investigación ou outro tipo de axudas, pero están orientados a universidades e centros de investigación e non a investigadores por libre. E menos a clubs deportivos. Recursos sempre farán falla. Neste intre temos que cambiar dúas das unidades de Caveatron, e renovalas instalacións de corda montadas entre o 2018 e 2019. Tamén temos datacións e novas mostraxes pendentes de orzamento. E ao remate do proxecto gustaríanos publicar o estudo e a súa cartografía. O que tamén precisará de financiamento.
Que nos pode contar da cova do Rei Cintolo?
Temos xa un modelo dixital de 9.204 m de cova, con 102 m de desnivel entre o punto máis alto e o máis fondo. Cando comezamos no 2018, a cartografía da cova de 1979 incluía uns 5.190 m, aínda que crerían que a cova acadaba os 6.500 m. Pero xa ves. A aposta do 2025 é dobrar a medición do século pasado.
O modelo dixital inclúe preto de 14.000 estacións topográficas. E dispoñemos de varias bases de datos xeoreferenciadas ao modelo dixital. Nesas bases de datos temos 72 rexistros relativos aos habitantes da escuridade. E entre eles, cando menos 3 especies inéditas; tamén temos 43 rexistros relativos a patrimonio cultural arqueolóxico e paleontolóxico, incluíndo restos fósiles de wapiti, oso e cabra montesa; máis de 1.400 rexistros relativos ao medioambiente, parámetros fisico-químicos e isotópicos das augas, temperaturas de augas e aire, velocidades de aire e dirección de fluxo, radiación natural ...; e tamén máis de 70 rexistros relativos a residuos (localizados e retirados restaurando a zona afectada) e impactos …

Esta cova está moi estudada?
Eu diría que non. Aínda que a Cova do Rei Cintolo é a maior cova de Galicia, e sen dúbida unha das máis visitadas, e ao mesmo tempo unha das máis descoñecidas. Certo é que hai traballos previos, algún histórico como o de Villa-Amil y Castro do 1873 que estudou unha parte da cova hai máis de 150 anos. Outros centrados na exploración e cartografía da cova (na década dos 70 do século pasado). Algúns relativos a microfauna. Algún artigo illado publicado tralas escavacións arqueolóxicas do 2004. O máis recente foi o libro de Xurxo Lorenzo e Javier Fouz sobre a historia das exploracións, traballo no que tamén describen a cova e parte dos seus valores naturais.
O proxecto que estamos a desenvolver abrangue moitas áreas relevantes para tratamos de contar a xénese, e evolución da cova como o esquema estrutural, xeomorfoloxía, hidrotopografía, xeocronoloxía, … mais tamén un inventario sistemático e fotodocumentado de valores naturais (bioespeleolóxicos e xeomorfolóxicos) e culturais (arqueolóxico e plaeontolóxico)… E ademais rexistros mediaoambientáis e de impacto, todo en prol de entender, coñecer e promover a protección desta cova.
De cando datan as primeiras exploracións da cova?
Ata onde eu sei as primeiras exploracións documentadas son as de de Villa-Amil y Castro do 1873. Fixo un primeiro mapa do que hoxe coñecemos como o nivel turístico da Galería Central. Uns 600 m de recorrido. Todo un mérito para este autodidacta hai 150 anos. E aínda que non haxan rexistros, os achados arqueolóxicos sinalan que as entradas e primeiras cámaras das covas se empregaron nalgún intre da Idade Media. Tamén o rescate no 1974 de restos humanos antigos en zona fonda da cova, nos fala de visitantes (inda que foran casuais) hai varios milleiros de anos.
Esta cova conta con augas subterráneas?
Si. As covas forman parte da rede de drenaxe do territorio onde se emprazan. No caso do Rei Cintolo tratamos tamén de modelar o acuífero subterráneo (hidrotpografía): Dende as áreas de recarga onde a choiva satura os solos e acada as profundidades, aos diferentes regatos e fontes que xorden dentro da cova, tamén as lagoas activas (e mais as fósiles). O rego principal da cova chámanlle O Río Celtas, e desaparece no sector Dédalo Sur no punto máis fondo da cova. Despois non se sabe cara onde vai. Tradicionalmente se cría que xurdía noutro val, cara Fonte Teixide na vertente sur do Orxal, mais é algo que nunca se demostrou e que estamos a tratar de verificar. Si non son o mesmo río, habería que tratar de esclarecer onde xurde o río de cova do Rei Cintolo. E ao mesmo tempo, habería que tratar de esclarecer onde está a descoñecida rede de covas das fontes da vertente sur do Orxal.