Marcos Candia gaña o X Concurso de Fotografía “O Mellor Recuncho de Mondoñedo”

AMariñaXa
O xurado escolleu as tres imaxes premiadas e outras dez finalistas que ilustrarán o calendario oficial de Mondoñedo para o ano 2026
mondonedo-concurso-fotografia-recuncho-2025
6 Dec 2025

O xurado designado polo Concello de Mondoñedo reuniuse recentemente para avaliar as obras presentadas ao X Concurso de Fotografía “O Mellor Recuncho de Mondoñedo”, unha edición que volveu amosar o talento e a creatividade da veciñanza. Tras a deliberación, o comité decidiu outorgar o primeiro premio a Marcos Candia Cuba, mentres que o segundo posto recaeu en Suso Rubio e o terceiro, en Lorena Fernández Rivas.

Nesta convocatoria participaron un total de 33 fotografías, todas elas centradas en plasmar a beleza, a identidade e os espazos singulares do municipio. Ademais de seleccionar a terna de galardoados, o xurado escolleu outras dez instantáneas que, xunto coas tres premiadas, formarán parte do calendario oficial do Concello de Mondoñedo correspondente ao ano 2026.

Desde o consistorio explican que a entrega de premios se celebrará nos próximos días, coincidindo coa presentación pública do novo calendario, un elemento xa tradicional e moi esperado na localidade.

Tanto o Concello como o xurado agradeceron a alta participación cidadá e convidaron á veciñanza a seguir colaborando nas vindeiras edicións dun certame que busca poñer en valor o patrimonio visual e emocional de Mondoñedo.

⚙ Configurar cookies
0.077635049819946